Goma 2: It’s only rock & roll... but en 1979 e en galego

Pioneiros do rock en galego. Desde Portonovo e sen complexos gravaron un traballo a través dos que podemos pescudar os excesos musicais e  letristas que marcaron unha época. Tiveron tempo para telonear Triana, boicotear ENCE e só o explosivo do seu nome impediu que actuasen no programa musical de moda na TVE.

Portada4a-378x366
photo_camera Portada4a-378x366

Goma 2 tivo as súas orixes nun grupo de gaitas (Os Vieiras) que se reconverteu en grupo de verbenas (Brebaxe). Comezaron, xa como conxunto de rock, en 1977, ensaiando nunha nave industrial con cheiro a peixe. Dous anos despois, 1979,  Movieplay editáballes o seu primeiro e único disco, un traballo pioneiro no rock en galego. A historia do rock no idioma propio contaba a esa altura con apenas unha presiña de discos, destacando o editado polos NHU uns meses antes.

Xerardo, Moncho, Chi, Carlos e Samu ensaiaban e comezaron a dar os primeiros concertos e a, como se adoita dicir, facerse un nome. Non todo foi un camiño de rosas. Nunha actuación polo San Roque en ‘La Rivera’ guíndanlles unha pedra. Nada grave. Gravan un disco de 9 temas, todos en galego. O propio Xurxo Souto ten sinalado o traballo como unha especie de antepasado do bravú. O disco abría un camiño coa mistura de rock e gaitas que anos despois sería transitado por un feixe de grupos.

Mais ese disco (‘Goma 2’) non pode reducirse ao binomio rock + gaita. É un traballo fillo do seu tempo, de aí esas pegadas de rock progresivo, as pasaxes instrumentais, o pop-rock de regusto ‘nuevaolero’... Fonomusic reeditaríao en 1999.  Nunha entrevista en 1979 afirmaban: “Faltaba un grupo de rock galego con todas as connotacións que iso implica”. Eles propios, nesta mesma entrevista explicaban que as súas composicións “van desde o rock sinfónico, pasando polo rock duro e algo de rock´n´roll”. “Para algúns pode ser unha aberración poñerlle á Alborada de Veiga unha base rockeira”, declaraban. Estaba claro que para eles, non.

Nunha entrevista en 1979 afirmaban: “Faltaba un grupo de rock galego con todas as connotacións que iso implica”

Amplitude

As letras facían fincapé, algo normal após 40 anos de ditadura e común nos grupos do estado daquela altura, a querencias máis ou menos poéticas de liberdade persoal. “Non quero que ninguén me diga o que teño que facer / non quero que a xente pense que me pode vencer” cantaban en ‘O Trasno’. En ‘Fusión’ (máis de 9 minutos de tema) afirman que “hoxe máis que onte e mañá máis que hoxe / hame de facer falta rock´n´roll”. Hai sitio tamén para pequenos ‘hits enxebres como 'O Galiñeiro' (“Alborotouse o galiñeiro / as galiñas andas soltas”) ou para a preocupación ambiental, como en ‘Basta xa!’, onde exclaman “Non podemos aguantar nada máis / deixade de contaminar, basta xa! / Levade a merda para outra parte / deixade a ría en paz”. Uns anos despois, e en plena loita contra os vertidos nucleares na Foxa Atlántica, este tema reeditaríase en single cunha versión do Himno galeno na Cara B a cargo da Banda A Unión de Guláns.

Non a Ence e o programa musical de moda

Goma 2 telonea Miguel Ríos e Triana, dúas das propostas musicais que, cada unha na súa leira, protagonizaban a escena musical daqueles anos. O grupo mantén un nivel de compromiso. En 1979 un instituto de Pontevedra., o Xunqueira, organiza un concerto para recadar fondos para unha viaxe. No cartaz, entre outros, os mencionados Triana, que co seu rock andaluz eran un dos grupos máis potentes do estado naquela altura. Tamén figuran Goma 2. Mais os de Portonovo ven que nos carteis do concerto figuraba ENCE como patrocinador e anuncian que se negan a tocar, o que levou a un intercambio de declaracións entre grupo e pasteira na prensa local. Os propios rapaces do instituto tomaron cartas e dedicáronse a riscar nome e logo de ENCE nos cartaces pegados pola cidade, poñendo no sitio que o concerto o organizaban os alumnos. Goma 2, tocou.

Rock progresivo, rock and roll, ráfagas de rock duro e até querencias por melodías tradicionais... Goma 2 non tiña medo a nada

Teñen a oportunidade de tocar en ‘Aplauso’, o programa musical dirixido por José Luis Uribarri que TVE emitiu os sábados pola tarde entre 1978 e 1983. Por alí pasaron ao longo deses anos desde Alaska, Tequila, Radio Futura e Mecano a Barón Rojo, Los Secretos, Los Pecos ou Derribos Arias. Por non falar da presenza de artistas internacionais como The Police, Abba, Boney M, Depeche Mode, AC / DC ou Ramones, entre moitos outros. Goma 2 non puido finalmente sumar o seu nome (e cantar en galego!) a esa lista por ser desbotados. A razón? Segundo o libro ‘Rock urbano. El antes y el después’ o motivo foi o seu nome, Goma 2, por entender en TVE que aquilo era “apoloxía do terrorismo”.

Volveron reunirse en 2007 para un concerto no marco do Carnaval de Portonovo. “Gústame a sensación de vivir o rock and roll” cantaban tres décadas antes en ‘Fusión’. Tempus fugit.

Imaxes: Facebook 

Comentarios