Que persoas e entidades recibiron os galardóns culturais da Deputación da Coruña?

A deputada de cultura, Natividade González, puxo en valor as iniciativas de apoio á cultura da entidade, que se enmarcan "nunha liña de traballo prioritaria, que levamos moitos anos implantando".
Foto de familia da Gala da Cultura da Deputación da Coruña (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera Foto de familia da Gala da Cultura da Deputación da Coruña (Foto: Deputación da Coruña).

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Cultura, Natividade González, acompañados por parte da Corporación, foron anfitrión e anfitrioa, este sábado, da Gala de Premios culturais da Deputación na se homenaxearon ás 15 persoas e entidades premiadas nos diferentes certames culturais do ano 2023.

Así, subiron ao escenario do Teatro Colón, na Coruña, para recoller os seus galardóns os autores e autoras César Cequeliños, Jesús María Antón, Anna Maria Blasco, Alberto Ramos, Blanca Paula Rodríguez Garabatos e Rafael Fernández Lorenzo; os e as debuxantes e guionistas de banda deseñada Paula Mayor e Cristian F. Caruncho; o artista Berio Molina; o artista gráfico Juan Carlos Escudero; o fotógrafo Fuco Reyes; os músicos Eduardo Soutullo e Satélite Salitre, a poeta Iolanda Aldrei en representación de Luz Fandiño, e a cooperativa A Morada.

Nesta terceira edición da gala as mimosas protagonizaron unha escenografía que, baixo o concepto de “luz de tempada”, evoca “o cambio de estación do inverno á primavera, un momento de transición onde a natureza esperta nunha explosión de cores e vida. Este proceso, marcado polo florecemento e a mudanza gradual das luces, simboliza o espertar das ideas”.

Na súa intervención, Valentín González Formoso, deu os parabéns a todos os premiados, “que invisten o seu tempo e a súa creatividade para concorrer a uns premios que hoxe a Deputación lles entrega con orgullo, porque sentimos correspondido o noso esforzo a prol da cultura, e porque vemos que a calidade desborda en non poucas ocasións as expectativas das convocatorias”, apuntou.

Ademais, o presidente referiuse á necesidade de promover unha cultura accesíbel desde as Administracións Públicas, xa que “a cultura é socialización, integración e enriquecemento vital. Mais, tamén, a cultura é industria”. Deste modo, sinalou a súa importancia “no desenvolvemento de calquera sociedade moderna, un sector estratéxico que, no noso caso, representa 2% do PIB galego e dá traballo a 30.000 persoas. Un sector que tamén é valioso para a proxección exterior da Galiza, que crea imaxe de país”.

Natividade González, pola súa parte, agradeceu a asistencia a unha gala que reúne “o mellor talento de múltiples e moi diversas disciplinas artísticas: desde a literatura até a música, pasando pola fotografía, a banda deseñada, a arte gráfica ou o teatro, entre outras”, apuntou. “Esta xuntanza tan heteroxénea é inédita, e representa á perfección a riqueza cultural, o talento e o arte emerxente deste país”, acrecentou.

Tamén se referiu ao valor da cultura “e o seu poder transformador, enriquecedor e reivindicativo”. Así, “desde a área de cultura da Deputación contamos cun modelo cultural propio que centra as nosas políticas públicas en tres piares fundamentais: a nosa lingua, a transformación social e o territorio” afirmou; “unha liña de traballo prioritaria para nós, que levamos moitos anos implantando, e que se exemplifica en estes premios, mais tamén noutras iniciativas centradas nos procesos creativos, e non so nos resultados finais, como as Residencias Artísticas de Mariñán ou o certame Reino de Galiza”.

A Gala estivo presentada pola actriz Sabela Arán, e contou coas actuacións de Aldao Lado e Satélite Salitre. Todas as persoas premiadas recibiron unha escultura creada ad hoc pola artista Soledad Penalta.

Comentarios