Ilustración

As quimeras esbozadas de Fernández Mazas

Polo día da Ilustración, a Biblioteca da Galiza inaugura esta quinta a exposición "Cándido Fernández Mazas: signos dunha quimera".
Cartaz de 'Retablo de Fantoches' (1934) e viñeta do xornal 'La Zarpa' (1925).
photo_camera Cartaz de 'Retablo de Fantoches' (1934) e viñeta do xornal 'La Zarpa' (1925).

Con motivo do día da Ilustración, a Biblioteca da Galiza inaugura a exposición "Cándido Fernández Mazas: signos dunha quimera". Esta mostra, composta por documentos, libros, imaxes e obras do ilustrador na colección do Arquivo da Galiza, poderá visitarse até 10 de maio. Obradoiros e outras actividades nas bibliotecas públicas e escolas de deseño completan esta efeméride que conmemora o nacemento de Castelao.

O día da ilustración é unha iniciativa promovida pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) que procura reivindicar a disciplina, especialmente desatendida desde unha perspectiva histórica, lembrando cada ano unha figura relevante. Desde AGPI, a debuxante Beatriz Lema sinala a pertinencia de homenaxear en 2020 Fernández Mazas, pois trátase dun "autor moi descoñecido, mesmo polo público profesional".

Beatriz Lema sinala a pertinencia de homenaxear en 2020 Fernández Mazas, pois trátase dun "autor moi descoñecido, mesmo polo público profesional"

Cándido Fernández Mazas (1902 -1942) foi colaborador en publicacións como Nós ou Alfar. Etiquetado na xeración do 30, renovadora da plástica galega, a súa "participación nas vangardas foi fundamental", sinala o investigador José Manuel Bouzas, bo coñecedor da súa obra.

Os corenta anos de vida dividiunos entre ilustración e escrita, co compromiso político de esquerdas sempre presente. Asinou baixo distintos pseudónimos en xornais como La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego ou Política. Deixou tamén "algunhas das cubertas de libros máis importantes do momento, mesmo de Europa", apunta Bouzas. Na súa opinión, habería que preguntarse "por que artistas vangardistas de primeira coma el reciben un tratamento de segunda".

Comentarios