Contracultura

Quico Comesaña: “Tocar en Vigo, onde dei o último concerto hai 9 anos, foi un cúmulo de emocións enormes”

Quico Comesaña volve aos escenarios para presentar Mãe acompañado dun novo grupo. Aliás, vén de recibir o Premio Martín Códax da Música, que o ratifica como un dos referentes do folk galego.
O músico Quico Comesaña volve aos escenarios tras nove anos fóra deles. (Foto: Felipe Alonso)
photo_camera O músico Quico Comesaña volve aos escenarios tras nove anos fóra deles. (Foto: Felipe Alonso)

—Presenta novo disco e recibe un Premio Martín Códax, como se sente?
Moi ben. Valoro moito este recoñecemento, mais tampouco o vexo como un trofeo para quen gaña unha carreira ou algo así. Para min ten que ver máis coa visibilidade dos proxectos, non só os meus, senón os de todas as persoas que estaban aí. É unha plataforma estupenda para non perdernos cousas tan interesantes. Xa o dixen no momento no que recollín a figura tan bonita que nos deron, eu levo moito tempo fóra do mapa e agora que volvo vexo que hai xente con traxectoria, mais tamén moitísimos proxectos novos que eu descoñecía por completo e que non había cando eu estaba en activo. Oxalá houbese máis premios musicais para poder atender a oferta que temos. Inclusive, a nivel do Estado, o español domina case todo o panorama e hai moi pouca cobertura para outras linguas igual de lexítimas.

Ao mellor podían desenvolverse outros premios máis específicos que atendesen outras músicas e linguas, porque como digo, non deixa de ser unha maneira de promocionalo. A música e a lingua, entre outras cousas por suposto, son piares fundamentais para identificar unha cultura. A música é a canle para entrar e achegarte a ela, pero inclúe moitísimos máis valores propios.

—Como está vivindo esta volta aos escenarios?
Un amigo que estivo no concerto díxome que eu entrei ao escenario cunha cara de asustado que era tremenda, creo que iso xa o di todo. Fixemos o primeiro concerto en Vigo, xustamente onde foi o último concerto que eu dei hai nove anos, e foi un cúmulo de emocións enormes.

O meu amigo ten toda a razón, eu entrei no escenario como un novato total. Hai que ter en conta que eu xa perdera o costume de estar nun escenario e que ao final tamén levei unha parte importante do peso porque estiven en comunicación continua coa xente das luces, tamén estiven pendente dos vídeos que se proxectaron, e vas sumando cousas que non che deixan concentrarte. Por sorte, puiden contar coa banda incríbel que formei con Carmen Gallego (violín e nyckelharpa), Marcos Padrón (acordeón), Paula Oanes (arpa céltica) e Leandro Deltell (percusión). Aínda que era o noso primeiro concerto como formación funcionamos ben e a xente saíu encantada en xeral, con comentarios súper positivos. 

—As expectativas tamén están aí.
Xogan un papel moi potente, iso está claro. A min paréceme incríbel que alguén me diga que lle encanta o disco cando realmente é algo que fixen para min sen pensar como funcionaría comercialmente. De feito, a idea de levalo en xira en directo foi posterior, porque simplemente naceu como un testemuño despois de tantos anos tocando en grupos. Se teño que ser honesto, non me esperaba unha acollida tan boa. 

—Por que decidiu volver?
É un tema do que non desfruto falando, mais entendo que a xente pregunte. Unha das razóns polas que estiven afastado da música foi por unha enfermidade que non me permitía tocar axeitadamente. Durante moitos anos estiven en mans de especialistas e probando diferentes tratamentos coa esperanza de volver tocar, mais tamén fun traballando neste disco un pouco nas sombras. Hai ano e medio por fin chegou un tratamento novo ás miñas mans que fixo que me vise capacitado para comezar a pensar en xiras en directo e en montar un grupo. A enfermidade está aí porque non é curábel, mais polo menos xa non teño as dores tan terríbeis que tiña nas mans e psicoloxicamente todo o que estamos facendo tamén me axuda a estar máis animado. Confío moito neste proxecto.

As próximas datas serán o 12 de xullo na sala Galileo Galilei (Madrid), o 28 no Festival Parapanda Folk (Granada), o 22 de setembro no Teatro Rosalía (A Coruña) e o 8 de outubro nas Festas do Pilar (Zaragoza) e esperamos que cando se calme a cousa das eleccións e a xestión das programacións volva ao seu ritmo habitual poidamos anunciar máis.

Comentarios