Quico Cadaval pon en escena a Manuel María

'O auto do Castromil', a obra de PT Excéntricas que gañou o III concurso de proxectos que convoca a Fundación Manuel María, estréase o vindeiro venres 7 de xullo no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
A presentación da obra, onte, en Compostela.
photo_camera A presentación da obra, onte, en Compostela.

A compañía Excéntricas estreará esta sexta feira, día 7 de xullo, a súa última produción O auto do Castromil no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A montaxe de Excéntricas, gañadora do III concurso de proxectos da Fundación Manuel María, está dirixida por Quico Cadaval, e protagonizada por un elenco de catro intérpretes formado por Rocío González, Victor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. 

A presentación da estrea de O auto do Castromil, obra que gañou o III concurso de proxectos que convoca a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, tivo lugar onte en Compostela. Ao acto asistiron a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o director Quico Cadaval; o elenco da obra, formado por Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez; Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos; Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos; e Fran Núñez, polo Centro Dramático Galego. 

 

A obra acontece nunha viaxe onírica a bordo dun antigo coche de liña. Os viaxeiros dormen e talvez o conductor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia de Galiza, combaten a nosa amnesia conxénita usando varias obras, autos populares e farsas, do autor chairego. 

Nelas aparece a historia alucinada dun pobo que loita, é derrotado, volve levantar a cabeza e rebelarse de novo. Unha rebelión na que, ás veces, non temos mais armas que o humor e o espirito antroidesco. O auto do Castromil é unha viaxe en transporte público pola Galiza inconsciente. 

O auto do Castromil ofrecerá tres funcións, os días  7, 8 e 9 de xullo no Teatro Principal de Santiago. A continuación, Excéntricas proseguirá a súa xira nos vindeiros meses con funcións na Mostra Internacional de Ribadavia (23 de xullo), na Mostra de Teatro de Cariño (15 de agosto), en Sarria (10 de setembro), en Narón (16 de setembro), en Monterroso (23 de setembro), na Pobra do Boullón (24 de setembro), en Ames (6 de outubro), en Foz (20 de outubro), en Vilalba (21 de outubro), en Ribeira (3 de novembro), Noia (4 de novembro), en Arteixo (10 de novembro), en Outes (18 e novembro) e en Ortigueira (25 de novembro). 

 

Comentarios