Alberte Ansede, elixido novo presidente da Fundación Manuel María

Profesor de filosofía, Alberte Ansede ocupará a vacante no cargo polo recente falecemento de Saleta Goi.
Alberte Ansede, novo presidente da Fundación Manuel María (Foto: Nós Diario).
photo_camera Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María. (Foto: Nós Diario)

O padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos fixo público esta quinta feira a través dun comunicado a elección por unanimidade de Alberte Ansede como o seu novo presidente, ocupando así a vacante no cargo provocada polo recente falecemento de Saleta Goi, viúva do escritor.

A propia Saleta tivera a iniciativa de constituír a Fundación unha vez falecido Manuel María no ano 2004, co fin de reunir todo o seu legado e difundir a súa obra literaria. A fundación foi constituída e declarada de Interese Galego no ano 2007, adquirindo inmediatamente a casa natal do escritor en Outeiro de Rei para, despois de remodelala, abrila ao público como Casa-Museo do escritor en setembro de 2013. 

Desde ese momento deposítase alí e móstrase ás persoas que a visitan todo o legado do escritor, a súa biblioteca, numerosos manuscritos, a rica documentación tanto en soporte de papel como de fotografías, audios, e vídeos ou a colección artística do propio poeta e o seu mobiliario e obxectos persoais. 

Intensa relación con Manuel María e Saleta

Alberte Ansede, profesor de Filosofía, viña desempeñando o cargo de secretario da fundación desde a súa posta en marcha. O novo presidente mantivo desde a súa mocidade unha intensa relación con Manuel María e Saleta, relación que pasou a ser de íntima amizade cando o matrimonio se trasladou a vivir á cidade da Coruña onde tamén residía o propio Ansede.

Foi precisamente no Teatro Rosalía desta cidade onde o escritor chairego recibiu a súa grande homenaxe en vida, precisamente da man da entidade que presidía Alberte Ansede naquel momento, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). 

Para o novo responsábel da entidade, "o activo máis importante da fundación é o colectivo de persoas implicadas no seu traballo pois é o que fai posíbel sacar adiante proxectos e iniciativas que van moito máis aló do noso orzamento".

Nese sentido, sinalou que a súa pretensión "non é tanto suplir a Saleta -algo completamente imposíbel- senón contribuír como Presidente a fortalecer a dinámica deste colectivo, única garantía de que a obra de Manuel María siga presente na sociedade galega".

Salientou, ademais, "o traballo e actitude de Saleta" desde o falecemento do poeta, "admirábel desde o punto de vista humano e impagábel desde o punto de vista social”. O cargo de secretario vacante pasa a ser ocupado por Antón Laxe que desde o 2015 é o encargado da Casa-Museo.

Comentarios