Análise

Quen serve o café

O escritor e crítico literario Mario Regueira prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
Moza escribindo nunha cafetaría. (Foto: Francisco González CC-BY-2.0)
photo_camera Moza escribindo nunha cafetaría. (Foto: Francisco González CC-BY-2.0)

Vai rematando o verán, polo menos no sentido que ten para os calendarios laborais, e aínda lembro a recriminación dun compañeiro por un dos artigos de hai unhas semanas. “Como que o verán é tempo de libros? Iso será cando non traballas en hostalería”. O meu camarada queixábase con razón, aínda que eu o coñeza como poeta, os últimos meses estivo traballando tamén como camareiro, unha ocupación dura de por si, pero máis no verán e en zonas turísticas.

É certo que algunhas das claves estaban xa explicitadas no propio texto. O verán vacacional tal e como o coñecemos foi un invento da burguesía e tamén se foi adaptando ao gusto das sociedades capitalistas.

Toda esa maquinaria de ocio non existiría se non houbese, á súa vez, outras persoas traballando para que funcione, sacrificando o seu tempo para atender os demais.

Con certeza é un modelo que pode cuestionarse, aínda que o elemento clave é a forma na que se perpetuou e como segue sustentándose na explotación da maior parte dos seus traballadores.

E por desgraza, aínda que o verán acentúe estas cuestións, non son exclusivas desta época e continuarán tamén unha vez que a rutina laboral reviva nas próximas semanas.

Ironicamente, a mesma sociedade que xerou hai séculos a cultura de cafés e restaurantes, consolidándoos como espazos de liberdade, tertulia e mesmo de conspiración política, colocou tamén un peso abafante nas persoas que traballan neles.

Actores, actrices, poetas, novelistas

A idea romántica do autor que escribe en cafeterías segue vixente, aínda que hoxe a persoa que teclea furiosa nun Starbucks calquera a súa primeira novela sexa case un meme humorístico.

No noso imaxinario colectivo as persoas que escriben están sentadas á mesa e nunca lavando pratos ou fregando 
os baños

O mito estivo asociado tamén á autora de maior éxito económico dos últimos anos. The Elephant House, unha cafetería de Edimburgo, colocou durante moito tempo un cartel reclamando que Harry Potter comezara a escribirse alí. Hai un par de anos J.K. Rowling desmentiu e matizou varios aspectos desa lenda.

O tópico fala sempre de actores e actrices servindo mesas mentres agardan un golpe de sorte que lance as súas carreiras, pero temos que recoñecer que os oficios relacionados coa hostalería sempre acolleron moitos outros soños. Aínda así, no noso imaxinario colectivo, as persoas que escriben están sentadas á mesa e nunca lavando pratos ou fregando os baños. Son lembradas con placas conmemorativas nos lugares onde beberon, pero moi poucas veces onde estiveron traballando para alimentar os seus obxectivos creativos.

Entre jazz e café

Facer un rexistro de autores que pasaron por estes traballos sería case imposíbel e moitas veces hai mesmo un punto de vergoña a recoñecelo. Claro que tamén hai quen constrúe unha narrativa épica sobre esas experiencias.

O autor desfíxose do negocio en canto prosperou na escrita

Haruki Murakami conta en Do que estou a falar cando falo de correr (Galaxia, 2009) do duro que era estar á fronte dun pequeno clube de jazz, unha actividade que desenvolveu durante anos e que tratou de compatibilizar coa primeira dedicación á escrita. O xaponés era dono e non empregado, pero fala do complexo de escribir nas breves pausas do traballo e de chegar á casa para quedar durmido sobre o teclado. O autor desfíxose do negocio en canto prosperou na escrita.

George Orwell tivo tamén o seu momento como camareiro e lavapratos nun hotel de París, principalmente por fame, tal e como conta en Na penuria en París e Londres. O británico decidira vivir ao límite para poder contalo nun libro. O oficio aparece nese contexto, aínda que os compañeiros lle dicían que tiña máis futuro que a escrita.

Margaret Atwood, que nunca tivo problemas en recoñecer os seus tempos duros non buscados, tamén traballou como caixeira dunha cafetería. Co tempo, acabou por prestar o seu nome á variedade “Atwood Blend” dunha marca de café benéfica.

Entre nós destaca Avilés de Taramancos, que tras mil traballos na emigración, entre eles o de camareiro, volveu para montar un bar na súa vila. Unha historia clásica protagonizada por un dos poetas máis relevantes do século pasado.

Máis que reparar na persoa que teclea no fondo do local, igual deberíamos preguntarnos que están a escribir as persoas que nos serven o café.

Comentarios