AXENDA

Que facer esta fin de semana?

1 (1)

Rianxo 3-7.7.2019

Zona da Zanfona, Encontro Internacional

“Zona da Zanfona” é un evento único na Península Ibérica, un festival temático sobre o instrumento que, máis unha vez, celebra o seu encontro anual na ría de Arousa. Organizado por aCentral Folque e promovido desde o Concello de Rianxo hai 15 anos, neste 2019 permitirá gozar de narracións orais, cursos, convivio e concertos arredor da zanfona, con Germán Díaz e Benxamín Otero e as súas “13 cancións bonitas” na sexta feira 5 de xullo e Obal con “Baile en Massó” o sábado.

Combarro 5-6.7.2019 Diversos espazos

Fala o Mar

O festival de poesía “Fala o Mar”, organizado pola asociación cultural Armadiña, xuntará poetas, performers, proxeccións e mesmo obradoiros de creación na vila de Combarro. Comeza o 5 de xullo, ás 18.30h, no Fogar Armadiña coa proxección do documental Vértice de Versos, sobre a poesía galega actual. O sábado 6 de xullo o encontro comezará na praia de Padrón cun obradoiro poético para crianzas a cargo da poeta Míriam Ferradáns. Xa no serán, na praza de San Roque, haberá recitais para pechar o festival.

Vimianzo 5-6.7.2019 Castelo de San Roque

XXIV Asalto ao Castelo

Evento que recrea a Revolta Irmandiña contra os abusos dos nobres do castelo de San Roque, desta volta coa música de Esne Beltza, Skadalo GZ, Os Quinquilláns e máis.

Pontevedra 5-7.7.2019 Praza da Ferraría

Festa dos Libros

Toda unha festa arredor do libro e a literatura: feira literaria, contacontos, recitais, presentacións e firmas de libros, concertos, obradoiros…

Monforte de Lemos 5-7.7.2019 Sete Outeiros

I Encontro ibérico non binario

Convivio de persoas non binarias para falar das experiencias, compartir espazos e tecer redes de apoio, con acampada na natureza e mais actividades, xogos e debates.

San Sadurniño 6.7.2019 Espazo da Bóla

XXVI Festival do Río Castro

A música e o ambiente de romaxe encherán de novo o espazo da Bóla, ao pé da ponte románica da Ferraría, en San Sadurniño, nunha nova edición do Festival do Río Castro. A xornada bota a andar na sesión vermú cos Feroces da Galgueira, xogos tradicionais despois do xantar e a actuación ás 18.00h do grupo infantil Os Trotaventos, previa ao competitivo campionato de deportes rurais. Pola noite, concertos de Lenda Ártabra, Os Melidaos, Tiruleque e a Mekanika Rolling Band.

A Baña 6.7.2019 Área recreativa Agra de Chans A partir das 13.00h

XVIII Festa Rachada

Nas bailas contarán coas Chispas de Compostela e a Charanga os Centenarios e no serán cos Fondãos do Pífaro, Armadanzas de Laraño, A Requinta da Laxeira e máis!

Cangas Até 6.7.2019 Diversos espazos

Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo

Praias, xardíns, pistas polideportivas, adros, capelas e prazas acollen espectadores chegados de distintos lugares para gozar dos mellores espectáculos teatrais.

Marín 7-7-2019 Alameda 21.00h

Cantigas e Agarimos

Danza tradicional a cargo da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela nun espectáculo polas nosas raizames.

Compostela 9.7.2019 Praza de Feixóo 20.30h

A nossa é bossa

Concerto nos Seráns en Feixóo desta formacion galego-brasileira, canción de autor e clásicos da música popular con Xavier Mugardos, João Alberto e Telmo Sayans.

Comentarios