Corpo(a)terra, un proxecto vivo á procura de arraigamento

O festival de danza contemporánea Corpo(a)terra inicia "o desarraigamento afectivo" da cidade de Ourense cunha edición reducida e peculiar. En dez anos,  converteuse nunha das citas culturais que máis fixeron por un uso distinto do espazo urbano mais pola participación do público e da cidadanía a través da danza.
corpo a terra
photo_camera A compañía vasca Ertza presentou o espectáculo 'Meeting point' dentro do circuíto Rede a ceo aberto en 2019.

Co programa de formación en marcha desde onte, Corpo(a)terra inaugura esta noite en Allariz os espectáculos de danza do festival. Repite como escenario urbano, como xa vén sendo habitual os últimos anos. A canda el, Ourense, a cidade que durante unha década foi identidade e espazo de referencia fundamental para un proxecto que agora sente a necesidade de progresar.

"Dez anos despois cremos que cómpre unha revisión da proposta orixinal que deu lugar a Corpo(a)terra. Neste tempo as cousas evolucionaron, apareceron novos formatos e cremos importantes buscar outras maneiras de facer que o proxecto teña continuidade", explica Marta Alonso, directora do festival xunto a Paula Quintas e Begoña Cuquejo.

Despois de dez anos o festival conta cuns valores aínda moi vivos, cunhas redes consolidadas e unha resposta da xente moi activa.

Mais a despedida de Ourense tamén é resultado dun "esgotamento", o do diálogo co Concello, "que sempre manifestou unha vontade política por este evento pero de forma intermitente, polo que nunca hai seguridade nin firmeza á hora de pór en marcha as cuestións administrativas" imprescindíbeis para o desenvolvemento e o crecemento do festival.

As necesidades mudan e o compromiso ao que aspiran as organizadoras do evento debe ser máis forte. "Cremos no proxecto e na súa traxectoria. Despois destes anos conta cuns valores aínda moi vivos, cunhas redes consolidadas e unha resposta da xente moi activa". Por iso, incide Marta Alonso, ten sentido que continúe e, sobre todo, perseverar na busca de formatos que colmen as necesidades que veñen detectando dentro do proxecto. "Gustaríanos poder estabelecer un convenio de colaboración que xerase a unidade precisa para realizar un evento desta envergadura. Non queremos perder a colaboración con concellos pequenos mais non desbotamos volver a gañar arraigo noutra cidade",  salienta Alonso.

Unha edición peculiar

Á espera dese Corpo(a)terra renovado, a edición deste ano presenta un formato reducido que reforza a súa aposta polas compañías galegas. "Presentamos unha versión adaptada, de resistencia" que conserva, ademais, algunha programación especial, como o espectáculo dos Pedras nas luces.

As primeiras pezas poderanse ver esta noite en Allariz, no Campo dos Brancos, onde actuará a compañía Kirenia Danza, que ampara o regreso de David Loira á escena galega da danza.

O desarraigamento emocional do proxecto completarase coa xeolocalización de tres vídeos en tres escenarios clásicos do festival a modo de legado histórico.

O público que desexe asistir a este espectáculo mais aos programados no marco do circuíto A ceo aberto, que integra propostas da rede internacional, precisará inscribirse previamente. Ao igual que para as pezas previstas para a sexta feira. Entre outras, Technocracia, de Funboa Escénica, unha convocatoria comunitaria que xuntará no escenario dez bailaríns nunha sesión DJ dirixida por Mauro Trastoi.

Corpo(a)terra contará ademais coa presenza de Alejandra Balboa e Nuria Sotelo; mais coas compañías ZumZum Teatre, de Catalunya, Glovo, da Galiza, Osa + Mujika e Larrua, do País Vasco. O "desarraigamento emocional" do proxecto completarase cunha intervención do artista Cedric Muller, que vai "xeolocalizar tres vídeos en tres escenarios clásicos do festival en Ourense -praza de Santa Eufemia, mirador de San Francisco e explanada do Auditorio- , a modo de legado histórico".

'Pedras nas luces', un baile de drons

Pedras nas luces é "unha primicia absoluta", apunta Marta Alonso. Primeiro porque nunca antes se viron bailar na Galiza drons de luz e, segundo, porque a proposta conta cunha dramaturxia específica, creada por Corpo(a)terra, Umiles, a compañía de drons, e a Central Folque.

"As imaxes que se van ver son das pedras e dos petróglifos patrimonio da historia da Galiza ao ritmo da música da Central Folque inspirada nos canteiros de Cotobade até converterse nun 'corpo' identidade do propio festival". Será un espectáculo accesíbel para a xente desde distintos puntos de Allariz, na noite da sexta feira, e de Ourense, o sábado 29. As luces, no alto, e a música, dispoñíbel para descarga en dispositivos móbiles, co obxectivo de facilitar a conexión do público cunha proposta "moi emocionante", incide Alonso.

Comentarios