mércores 30/09/20
Nace a PAM

"Xuntas pensamos mellor": a danza afronta a precariedade desde o apoio mutuo

A semana pasada viu o nacemento da Plataforma das Artes do Movemento, unha consecuencia lóxica do anterior colectivo pola Defensa do Centro Coreográfico Galego que procura na comunidade e no apoio mutuo unha vía para facer fronte ás problemáticas e desafíos dun sector que se atopa absolutamente desatendido por parte das institucións públicas (nin se menciona, por exemplo, no Plan de recuperación da cultura da Xunta). Desde diferentes ópticas e con perfís distintos, aglutina moitos ollos para (re)pensar outras lóxicas e maneiras de facer. 
'Voo', unha peza de danza acrobática
para rúa de Ánxela Blanco.
'Voo', unha peza de danza acrobática para rúa de Ánxela Blanco.
Agosto arrincou cunha boa nova para o mundo escénico: o nacemento da Plataforma das Artes do Movemento (PAM), un colectivo que xorde como espazo común de diálogo e pensamento, unha aposta nas sinerxías colectivas para enfrontar a precariedade e o desleixo. "A danza, en comparación co teatro, é tratada como unha arte menor, igual que acontece con outras como o circo", explica Ánxela Blanco, unha das súas integrantes. Traslada así unha percepción de desanteción das linguaxes do corpo e do movemento que acumula moitos anos.

Desarticulación do CCG

A PAM xorde como consecuencia dunha "evolución lóxica" da Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego (CCG). Esta recoñecíase xa como unha "acción autónoma de carácter temporal" con obxectivos concretos e urxentes. O primeiro comunicado emitíase en xuño de 2019 e denunciaba a mala xestión e a falta de transparencia do CCG –sen producións propias nin un plan de acción para o sector, así como con incompatibilidades e falta de publicidade na contratación.

A finais de novembro, o anuncio por parte de Jacobo Sutil de recortes orzamentarios de 66% para o organismo e dun novo estatuto para a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), sen participación do sector, colocaba o colectivo en pé de guerra

Mais pouco despois, a finais de novembro, o anuncio por parte de Jacobo Sutil de recortes orzamentarios de 66% para o organismo (pasaba de 150.000 euros en 2019 euros a 50.000 en 2020) e dun novo estatuto para a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), sen participación do sector, colocaba o colectivo en pé de guerra, preocupado polo baleirado de funcións do CCG, que pasaría a se integrar no Departamento de Música. Segundo denunciaba a plataforma, isto deviña nunha diminución de autonomía das artes de movemento, xa de seu pouco atendidas, e na perda da faceta artística da dirección, trasnformada nun perfil de simple xestión.

Segundo conta Blanco, a sensación do sector, mesmo antes do anuncio desta desaparición como entidade separada, xa era de "parálise". O modelo do CCG, cun plantel estábel e unha produción ao ano, "desatendía a diversidade da creación de base". Isto quedaba "curto" como única política de apoio á danza no país, nunha programación que deixaba ademais fóra moitas linguaxes (o folclore ou o experimental, por exemplo) en favor das fórmulas máis clásicas. A disolución do CCG para pasar a outra unidade de produción facíase ademais nesa "linguaxe de fábrica", comenta Blanco, que resume a óptica coa que a Xunta observa as artes.

A PAM é un "lugar onde nutrirnos da potencia que somos como diversidade", di Andrea Quiroga

Esta desaparición é a face visíbel dun "proceso de desarticulación sistemático que se reproduce noutras unidades de produción como o Centro Dramático Galego ou o Centro Galego de Arte Contemporánea", no que o bailarín e coreógrafo Javier Martín identifica un "cambio de modelo non recoñecido na política cultural do Partido Popular". Esta sorte de medidas volvían a paisaxe das artes vivas moi árida. "Ás veces parecen desertos, non hai nada", di a bailarina Andrea Quintana. Pero "fas zoom e atopas apoios na primeira ollada invisíbeis, mais que son transformadores", engade.

Así a PAM vólvese para ela unha maneira de "coller alento". Alén das reivindicacións xa tantas veces formuladas, no diálogo  aparece un "lugar onde nutrirnos da potencia tan grande que somos como diversidade". Igualmente, para a bailarina e xestora cultura Marta Alonso, de Traspediante, o máis destacábel é a vontade de crear un punto de encontro e de achegamento entre as profesionais, que favorece dinámicas entre os distintos axentes.

Outro horizonte

Nese contexto de anos de moita precariedade, o sector atopou unha vía de saída a través da creación de comunicade e das redes afectivas. "Teste que enraizar e apoiarte en grupos de axuda", opina Blanco. A PAM é así para ela unha "resposta a unha situación insostíbel" a través do apoio mutuo. Tamén Martín incide na "potencia que chega a través das relacións", con enerxía viva e implicada na posta en común dos recursos de todas, porque "xuntas pensamos mellor", asegura.

"Xuntas pensamos mellor", asegura Javier Martín

"Había o sentir de que era o momento", afirma Alonso, en especial referencia á febleza actual. Era necesario darlle unha "coherencia ao relato", polo que se produce ese "salto a un organismo", explica Martín. Neste senso, apunta a importancia de creación da PAM fronte ao carácter máis urxente e transitorio da anterior asociación, pois doutro modo entrarían nesa guerra do discurso do  poder "na que temos moito que perder". Ábrese deste modo outro horizonte de traballo, que se aprecia con múltiples vías.

Liñas de acción

Quintana advirte que aínda están intentando entender o que son. Porén, entre as liñas de traballo abertas e en proceso de definición atópase a de artellarse como interlocutor coa Administración, mais tamén, destaca Blanco, que se incorporou recentemente ao grupo de traballo, o de "investigar outras formas de facer, ou como lle din, de producir". Sinala, por exemplo, a procura de reparticións máis xustas dos orzamentos ou procurar outras dinámicas fóra do mercado, nunha economía do ben común.

Martín apunta como unha das cuestións a repensar o uso dos espazos públicos, xestionados na actualidade só como unha grella de programación. "Son recursos que deben ir máis alá da cultura como contido", manifesta. Por outra banda e de maneira máis ampla, o coreógrafo fai fincapé na necesidade dunha Lei de Dereitos Culturais. "Temos unha capacidade de producir, crear e participar na cultura que non se traballa aquí", cun sistema "construído desde un lugar discrecional de políticas baseadas en relacións de poder e un sistema clientelar". 

Blanco tamén considera importante, para alén da propia programación de danza, xerar contextos e pór o foco na creación de públicos, un eido moi relevante no que, para ela, a desatención da última dirección do CCG se notou moito, cun palpábel descenso na asistencia aos espectáculos. O que teñen claro e xa demostraron é que, malia a falta de apoios ou recoñecementos, o importante é "que a danza continúe", di Quintana.

comentarios