O proxecto Agromantes estrea curtametraxes desde a psicodiversidade

A iniciativa de creación cinematográfica presentará a vindeira sexta feira 14 de xaneiro en Compostela (Teatro Principal, 20 horas) media ducia de curtas documentais.
Obradoiro escénico con Camila Vecco para o Laboratorio (Agromantes).
photo_camera Obradoiro escénico con Camila Vecco para o Laboratorio (Foto: Agromantes).

A iniciativa de creación cinematográfica desde a psicodiversidade Agromantes presentará a vindeira sexta feira 14 de xaneiro en Compostela (Teatro Principal, 20 horas) media ducia de curtametraxes de corte documental.

O proxecto, desenvolvido pola realizadora Cora Peña xunto co Grupo de Apoio Mutuo de persoas psiquiatrizadas de Compostela, contou co apoio da Concellaría de Cultura da cidade.

Trátase dun obradoiro cinematográfico e outro de escena contemporánea -coordinado este último pola directora escénica Camila Vecco- que deron paso á realización de "gromos audiovisuais", relatos en primeira persoa baixo a temática común dos procesos de sufrimento psíquico, experiencias dentro do marco da psiquiatrización, ou psicodiversidade en xeral. 

"Son diferentes aproximacións a un fenómeno que permanece relegado a ollos do público xeral, cuberto polo manto dun tabú histórico", indican nun comunicado desde Agromantes, "con todo, os relatos producidos no laboratorio, historias protagonizadas por persoas que sufriron, ou sofren, procesos de psiquiatrización, non son contos doutra galaxia", engaden. 

Segundo esta iniciativa "fronte aos prexuízos de perigo e incomprensión ou a sensación de 'outredade' (o que non é como nos ensinaron) que suscita o tema da loucura, está a realidade común e compartida do sufrimento psíquico, no que calquera persoa pode alcanzar un pico, cruzando a artificial barreira de cordura/tolemia, especialmente nos tempos inestábeis que vivimos". 

Sensibilidade e vivencias en primeira persoa

As curtametraxes que presentarán están realizadas en primeira persoa e falan de protagonistas "aos que a dureza das súas vivencias lles fai, ás veces, ir por diante na comprensión dos misterios da psique, ou, nun terreo máis social, ser máis conscientes das fisuras do sistema", sinalan. 

As espectadoras e os espectadores que se acheguen a estes traballos, segundo explican desde Agromantes, atoparán "pezas sensíbeis e, sobre todo, valentía por parte das persoas protagonistas que se atreven a dar un paso á fronte, recoñecéndose como psicodiversas, diante unha sociedade que non aprendeu a respectalas".

Comentarios