O grupo amador Metátase Teatro salta ao audiovisual con ‘Son de Muller’

Afonso García: "Procuramos mostrar unha visión diversa do rural e daquelas persoas que non teñen voz"

Este mes o grupo amador Metátase Teatro está de aniversario. Naceron o 21 de decembro de 1992 na parroquia de Vilar de Donas, en Palas de Rei (comarca da Ulloa), e marcaron desde ese día toda unha traxectoria de compromiso coas artes escénicas dunha maneira comprometida e apegada á terra. É a formación teatral galega non profesional máis internacional e agora ábrese ao mundo audiovisual da man de Son de Muller. Afonso García, o seu director, explica a 'Nós Diario' o traballo que realizan e a nova proposta aberta a través de internet.   
Afonso García, director de Metátase Teatro (no centro co maletín) arrodeado de actrices e actores. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Afonso García, director de Metátase Teatro (no centro co maletín) arrodeado de actrices e actores. (Foto: Nós Diario)

Como definiría a experiencia de Metátase Teatro despois de tantos anos?

Intensa, apaixonante, enriquecedora, no senso de achegar a cultura da comarca da Ulloa a lugares moi afastados e coñecer outras culturas teatrais. Medramos como grupo e a nivel persoal.

O grupo amador evolucionou desde o primeiro texto que representaron hai case xa 21 anos.

Xurdimos en Vilar de Donas, unha parroquia de Palas de Rei, nunhas xornadas en contra dos incendios e a favor da ‘dona verde’ coa idea de pór en valor a biodiversidade e a riqueza paisaxística galega. Gustounos tanto esa primeira función que decidimos crear unha asociación e comezar co proxecto. Preparamos textos que, na súa maioría, son propios e outros adaptados de autoras e autores do país ou estranxeiros, dándolle prioridade á defensa da lingua e do patrimonio cultural e etnográfico da Galiza. Realizamos intercambios con grupos galegos e de fóra. Marcounos unha viaxe ao Brasil en 2008 na que tivemos oportunidade de estar con Augusto Boal nun obradoiro de Teatro do Oprimido. Despois percorremos varios campamentos do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST) para levarlles o teatro. Vimos as posibilidades que había de levalo aquí ao rural galego e foi a semente, xunto á visita ao museo Skansen de Estocolmo, de que nacera Son d’Aldea.

Desde unha perspectiva de defensa da cultura propia e de reivindicar a nosa lingua e o noso patrimonio temos varias liñas de traballo e logramos que as nosas representacións viaxaran por todo o Estado español e tamén a nivel internacional, como á Arxentina ou a Cuba onde actuamos en galego.

Que temas son os que máis tratan as súas obras?

A temática é social desde diferentes perspectivas, sobre todo daquelas e daqueles que non teñen voz. Focalizamos no mundo rural, no da desigualdade e no do contexto laboral para falar das vivencias das persoas que sofren algún tipo de discapacidade. Salientamos, tamén, a importancia que tivo e ten o papel da muller na sociedade galega. Outra das nosas inquedanzas é a infancia no medio rural e sempre cunha perspectiva de respecto cara aos saberes que nos transmitiron e que seguen transmitindo. Procuramos mostrar unha visión diversa e non estigmatizada do rural e daquelas persoas que non teñen voz.

Agora introducíronse no mundo audiovisual. Foi unha proposta consciente de cambio como consecuencia da aparición da pandemia da Covid-19?  

O proxecto xurdiu de maneira casual. Após o nacemento en 2011 de Son d’Aldea e a súa extensión a outros lugares, implicando a comunidades desde o Golfo Ártabro Sur, veñen varias persoas que deciden facer na costa algo semellante, creando en outubro de 2019 o Son do Mar. Cando preparabamos a edición de 2020 apareceu a pandemia e propuxéronos gravalo nuns pequenos vídeos en formato dixital. 

En Palas de Rei, Juan María Ínsua, do Centro de Información á Muller, tivo a posibilidade de ver o que fixéramos, lembroulle á súa infancia e ao seu contacto co mar. Daquela, apuntounos a idea de que investigaramos nesa zona partindo de entrevistas. Falamos con varias mulleres do rural para logo plasmar as súas historias en nove capítulos que saíron co nome de Son de Muller. O traballo que fixemos foi guionizar o que nos contaron e gravalo. Foi unha experiencia potenciada pola propia pandemia. 

Comentarios