Nace a Mesa do Audiovisual Galego: estes son os seus obxectivos

Instan á TVG a non esquecer o "coidado no cumprimento da lexislación".
Integrantes do sector na constitución da Mesa do Audiovisual.
photo_camera Integrantes do sector na constitución da Mesa do Audiovisual.

Os días 9 e 10 de novembro de 2023, no marco do I Foro da Industria Galega do Audiovisual celebrada na Cidade das TIC da Coruña, tivo lugar unha xuntanza na que participaron representantes das asociacións do sector audiovisual galego: a Academia Galega do Audiovisual; a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG); a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG); a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); o Clúster Audiovisual Galego; a Asociación de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (PROXECTA), na que decidiron constituír a Mesa do Audiovisual Galego, un órgano que se reunirá periodicamente para compartir reflexións e inquedanzas comúns. Xuntos emitiron un comunicado no que fan partícipe á cidadanía unha serie de reflexións sobre a situación do sector.

En primeiro lugar, destacan "o gran nivel no que se atopa a produción audiovisual realizada por profesionais e empresas galegas, tanto no eido creativo como técnico, que trascende as fronteiras da Galiza e do Estado" e recoñecen "a aposta da Xunta de Galiza pola consolidación do sector nos ámbitos industrial e creativo, a través das liñas de axuda que veñen apoiando proxectos diversos ao longo das últimas décadas".

Porén, cren que "as cotas de relevancia e impacto socioeconómico que teñen acadado as producións galegas, xustifican un incremento sostido das partidas destinadas á produción, desenvolvemento de proxectos e promoción do talento nos orzamentos da Xunta".

Ademais, instan á Xunta a apoiar "de forma decidida" ás iniciativas de exhibición -entre as que destacan os festivais audiovisuais- e a impulsar a preservación do patrimonio a través da dotación de recursos económicos, técnicos e humanos á Filmoteca de Galiza que, din, "non presta a atención necesaria á recuperación, catalogación e custodia do patrimonio audiovisual galego". 

Igualmente, convidan á TVG a "seguir xogando un papel decisivo no crecemento do noso tecido profesional a través da aposta por proxectos de ficción propia, así como en modelos de coprodución", sen esquecer "a responsabilidade da televisión pública na promoción da lingua galega, a atención á creación de novos públicos e o coidado no cumprimento da lexislación". 

Finalmente, comprométense a impulsar un protocolo para a prevención e actuación en casos de acoso sexual e a implantar campañas que favorezan o emprego da lingua galega no sector. 

Comentarios