Primeiro cupón para o libro definitivo sobre o escudo do Reino da Galiza

Os cupóns publicaranse na contraportada do xornal desde hoxe até o vindeiro sábado, cun cupón comodín o vindeiro 28 de setembro. Isto permite adquirir O escudo do Reino da Galiza. Unha (re)visión (inter)nacional por un prezo especial para lectoras e lectores de 15,90 euros.
2021_09_21_Nos_Diario_O_escudo_do_Reino_da_Galiza
photo_camera Capa da obra. (Foto: Nós Diario)

As lectoras e lectores de Nós Diario poderán acceder desde hoxe á obra O escudo do Reino da Galiza. Unha (re)visión (inter)nacional a un prezo especial, coa publicación na contraportada do xornal do primeiro dos cinco cupóns que permitirán facerse coa obra por 
15,90 euros.

Para as persoas que non consigan todos os cupóns que se publicarán até o vindeiro sábado, a edición impresa do 28 de setembro estará acompañada dun cupón comodín. Eses cupóns terán que colarse na cartilla que atoparán no xornal, que poderá ser entregada nos puntos de venda até o 30 de setembro.

No caso das persoas subscritoras de Nós Diario, o prezo especial até esa data é de 7,90 euros, só comunicándoo por correo electrónico. A partir de outubro, o libro pode ser adquirido por un prezo xeral de venda ao público de 29,90 euros.

Máis de 150 ilustracións

A publicación, que forma parte da colección Monografías de Nós Diario, conta con 224 páxinas e 150 ilustracións. No documento, o investigador e ilustrador Héitor Picallo (Cuntis, 1974) recolle e contextualiza as reproducións do escudo do Reino da Galiza e a súa evolución histórica.

Neste traballo de investigación, Picallo explica as diverxencias entre as aparicións do escudo no Estado e no resto do mundo. No primeiro, circunscrito ao Reino de Castela, e no estranxeiro, en pé de igualdade con outros territorios do monarca, o que dá conta da anexión violenta do Reino da Galiza.

Outro dos aspectos que revela a obra é o carácter laico dos escudos até que no século XV comezan a datarse os primeiros motivos de significación cristiá.
 

Comentarios