Primeiras xornadas de chirimía e sacabuche no Centrad de Lugo

A formación estará impartida polo grupo Anónimo IV Ensemble de Música Renacentista e Medieval

O vicepresidente da Deputación e deputado de Artesanía Efrén Castro, xunto coa concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, presentaron as xornadas.
photo_camera O vicepresidente da Deputación e deputado de Artesanía Efrén Castro, xunto coa concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, presentaron as xornadas.

O Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza esta fin de semana a I Xornada de chirimía e sacabuche. Trátase dun obradoiro teórico práctico no que os participantes coñecerán o funcionamento de instrumentos renacentistas de vento entre os que están a chirimía e o sacabuche, considerado o antepasado do trombón.

O programa durante as tres xornadas inclúe palestras sobre instrumentos de palleta dupla na península Ibérica dende o Islam até o século XV, instrumentos de vento nas catedrais galegas e unha última sobre o panorama actual do conxunto de Ministrís. 

Tamén se levarán a cabo clases grupais sobre o temperamento mesotónico e a relación coas tonalidades, características acústicas das chirimías, o papel do sacabuche nas transposicións ou na interpretación de obras en conxunto. 

A formación estará impartida polo grupo Anónimo IV Ensemble de Música Renacentista e Medieval. Trátase do conxunto instrumental máis  lonxevo do panorama da música antiga na provincia de Almería, sendo a matriz doutros grupos de música antiga emerxentes. 

O vicepresidente da Deputación e deputado de Artesanía Efrén Castro explicou que se trata dun proxecto que "busca recuperar sons que estaban esquecidos e facémolo ademais nun espazo como o Centrad, no que a música tradicional e os instrumentos máis únicos teñen o seu espazo". 

As xornadas comezarán a sexta feira, 1 de marzo, pola tarde, e rematarán o domingo ao mediodía. O sábado a xornada ocupará todo o día, desde as 10 horas até as 21.30 horas. 

Comentarios