A primeira tradución do libro francés 'María Casares' descobre aspectos da súa vida

A UDC edita en galego o libro da profesora francesa Béatrix Dussane.
A actriz coruñesa María Casares, fotografada no ano 1989 (Foto: Eric Robert / SYGMA).
photo_camera A actriz coruñesa María Casares, fotografada no ano 1989 (Foto: Eric Robert / SYGMA).

Cando coñece María Casares, Béatrix Dussane era unha recoñecida actriz de 51 anos, ligada desde moi nova ao teatro Comédie-Française, tamén coñecido como Théâtre Français, un dos poucos teatros nacionais de Francia. Dussane estivo entregada, após a súa retirada dos escenarios dez anos antes, ás aulas do Conservatoire d'Art Dramatique de París.

A esta prestixiosa escola de teatro chegaba en 1941 Casares, unha moza refuxiada polo golpe de Estado de Francisco Franco.Tivo Dussane como mestra e logo como amiga. A actriz francesa plasmou esta amizade nun libro, titulado María Casares, que a Universidade da Coruña (UDC) vén de traducir e publicar, coincidindo co centenario do nacemento de María Casares. 

A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, Cristina López Villar, explica en declaracións a Nós Diario como a universidade coruñesa chegou a facer a primeira tradución, neste caso ao galego, do libro francés no que Dussane retrata a súa amizade con Casares. "Sendo o centenario de María Casares no ano 2021, e habendo actos do Concello da Coruña e da Xunta da Galiza, na UDC xurdiu a idea de traducir este libro", explica López.  A UDC sumouse así ás conmemoracións institucionais á actriz de renome no Estado francés durante o século pasado.

María Casares tamén estivo "presente fisicamente" nas facultades da universidade cunhas siluetas coas que a institución pretendía difundir tanto a biografía da actriz como a propia tradución inédita a través de códigos QR que enlazan coa historia de Casares. 

María Casares desde outro punto de vista

Ademais de ser a primeira vez que se traduce este María Casares do francés, o libro ten, segundo a vicerreitora, unha importancia engadida. A tradución editada pola UDC permitirá ás lectoras e aos lectores coñecer a traxectoria profesional de María Casares desde o punto de vista da súa profesora, pero de maneira máis significativa desde o punto de vista da súa amiga. "Béatrix Dussane permítenos coñecer diferentes aspectos da vida de María Casares como actriz", explica López. 

A vicerreitora destaca unha reflexión da profesora francesa, cando Casares xa dera o paso á actuación cinematográfica. Dussane mostra en María Casares como ten nostalxia dos días da actriz galega sobre os escenarios dos teatros franceses e devece por volver compartir con ela eses espazos.

"Pasado o tempo, desde o momento actual podemos ver que isto si aconteceu", explica López a Nós Diario. "María Casares fixo algunhas películas pero a súa gran paixón e o que sempre tivo como prioritario foi o teatro", engade. 

A través das verbas de Dussane podemos coñecer, agora tamén en galego coa tradución da UDC, a historia desa moza da Coruña que chegou a Francia logo do exilio do seu pai, o político Santiago Casares Quiroga (que fora ministro e xefe de Goberno da Segunda República española baixo a Presidencia de Manuel Azaña).

Unha moza galega que chegou a converterse nunha das actrices, tanto de teatro como de cinema, de máis prestixio do Estado francés. 

"A unha Galiza que atopo a milleiros de légoas do Miño"

A UDC agasallou o público asistente á presentación do libro, en colaboración coa Fundación Luis Seoane, o faxsímil dunha postal da revista Galicia Emigrante na que Casares asina "Un saúdo agarimoso a unha Galiza que atopo a milleiros de légoas do Miño". Aínda que exiliada desde moi nova por mor da ditadura franquista, María Casares "nunca esqueceu o país que acolleu os seus primeiros anos", explica Cristina López Villar.   

Comentarios