Voltan os Premios de Teatro María Casares con dúas novas categorías

Os Premios María Casares pasarán de entregar 14 galardóns a 16 ao recoñecer a AAAG dous novos apartados.
Os galardóns entregaranse o 27 de marzo na cidade da Coruña (Foto: AAAG).
photo_camera Os galardóns entregaranse o 27 de marzo na cidade da Coruña (Foto: AAAG).

A Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG), asociación sindical que reúne a meirande parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, convocou onte os XXVII Premios de Teatro María Casares. Nesta edición os galardóns experimentarán diferentes modificacións nas súas bases, no seu funcionamento e no número de categorías. Estes cambios foron consultados a diferentes axentes do sector e aprobados polo tecido asociativo da AAAG en asemblea. 

Segundo a asociación de actores e actrices, as novidades responden á necesidade de adaptar ás novas realidades do sector os Premios María Casares, que practicamente non alteraron as súas bases desde a súa posta en marcha en 1997. Así, din procurar  a modernización dos galardóns e reflectir a diversidade da escena actual con categorías máis amplas e inclusivas. 

O primeiro dos cambios que sinalan desde a AAAG é a substitución nas bases da expresión "teatro de actor" por "teatro de actriz/actor". Tamén matizarán  o requisito da lingua para non excluír obras que carezan de texto falado. Desta maneira, o certame continuará a admitir en exclusiva espectáculos en lingua galega, mais tamén aceptará a concurso aquelas obras que non teñan texto falado, pero si empreguen a lingua da Galiza en todo o material de difusión, programa de man, sinopse, etc.

Novas categorías

Os Premios María Casares pasarán de entregar 14 galardóns a 16 ao recoñecer a AAAG dous novos apartados. O primeiro deles é o de mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas, que nade, segundo os responsábeis do certame, co obxectivo de englobar nos María Casares unha disciplina de longa tradición no país. 

O segundo premio creado é o de mellor dirección de movementos, co que procuran recoñecer un traballo que cada vez está máis presente nos espectáculos teatrais.

Ademais, dúas das categorías habituais nos Premios María Casares alterarán a súa nomenclatura para representar de maneira máis apropiada os traballos que se desenvolven nas producións teatrais actuais. Neste caso, mellor escenografía pasa a denominarse mellor espazo escénico, e mellor música orixinal será espazo sonoro. 

Finalmente, as bases do certame inclúen un novo condicionante: para considerar unha categoría a concurso, deben rexistrarse un mínimo de tres candidaturas na primeira fase. En caso contrario, o galardón ficará sen conceder.  

Comentarios