Presentan o catálogo da mostra que lembra os 100 anos da bandeira galega

A exposición '1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Palacio municipal da Coruña', conta agora cun catálogo. A mostra está agora en Carballo e rematará en San Sadurniño.
A deputada María Muíño na presentación (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera A deputada María Muíño na presentación (Foto: Deputación da Coruña).

A Deputación da Coruña vén de editar, a través do servizo da imprenta provincial, o catálogo da mostra que recolle o aniversario dos 100 anos da primeira vez na historia en que a bandeira galega ondeou nun edificio institucional, concretamente no Palacio Municipal da Coruña.

Na presentación do primeiro exemplar do catálogo, realizada onte, participaron a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño; persoal técnico da imprenta provincial, José Tojo, César Dopico e Víctor Carro; o comisario da mostra, Manuel Cráneo; e o ilustrador e ex-alumno do IES Rosalía Mera, Luis Sendón. 

A banda deseñada do nacemento  da bandeira

A mostra, comisariada tamén por Henrique Torreiro, realizouse a través de diversos documentos históricos e co asesoramento do historiador Xosé Alfeirán, creando ao final unha banda deseñada que ilustra o nacemento e evolución da bandeira  através dos debuxos de Alberto Taracido e Rubén Rial. 

A mostra tamén inclúe unha selección de obras de ilustradoras e ilustradores da plataforma Coruña Gráfica que, en conxunto, ofrecen unha versión persoal da bandeira galega en diversos contextos. Participan coas súas ilustracións Branda, Uxío Broullón, Aurora Cascudo, Iria do Castelo, Miguel Cuba, Alberto Díaz, Brais Fierro, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano, Jorge Peral, Perdivel, Xulia Pisón, Javier de la Rosa, Irene Sanjuán, Luis Sendón e Calros Silvar. 

María Muíño, durante a presentación, salientou "a importancia de coñecer todo o proceso que levou esta mostra, desde as primeiras investigacións sobre o izado da bandeira até o resultado final da exposición que recolle este catálogo, que ademais deita luz sobre unha parte da nosa historia que resulta descoñecida para unha gran parte da sociedade".

Para Muíño "a calidade das e dos profesionais que se dedican á ilustración na cidade da Coruña dan mostra da boa saúde da que goza a ilustración a día de hoxe na nosa contorna".

Pola súa banda, Manuel Cráneo e Luis Sendón explicáronlle ao alumnado do IES Rosalía Mera, presnete no acto, todo o proceso de investigación, organización e creación dos distintos materiais que deron lugar á exposición final. 

A mostra '1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Palacio municipal da Coruña' tras pasar polos concellos de Sada, Compostela e Ribeira, onte abriu as súas portas en Carballo antes de rematar o seu percorrido no municipio de San Sadurniño.

Comentarios