Unha mostra sobre a bandeira percorre a Galiza

A iniciativa é unha forma de lembrar o centenario da primeira vez que o símbolo da patria ondeou nun edificio institucional. Foi no Consistorio da Coruña en xullo de 1921.
Unha das ilustracións que poderá verse na exposición. (Foto: Coruña Gráfica) #bandeira #ilustracións #exposición
photo_camera Unha das ilustracións que poderá verse na exposición. (Foto: Coruña Gráfica)

O 25 de xullo de 1921, a bandeira galega ondeou nun edificio institucional por primeira vez na historia. Foi no consistorio da Coruña e, co gallo deste centenario, o Goberno local coruñés promoveu unha exposición sobre o símbolo. Agora a mostra "1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Pazo municipal da Coruña" principia unha ruta por cinco concellos da man da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

A proposta histórica e cultural, que inclúe unha selección de obras de ilustradores e ilustradoras da plataforma Coruña Gráfica -como Iria do Castelo, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano e Irene Sanjuán, entre outros- xa pode ser visitada na Casa da Cultura de Sada, onde permanecerá até o 10 de xaneiro.

"A bandeira é un dos elementos identitarios máis importantes para o pobo galego", destaca a deputada María Muíño.

Aliás, xa están programadas outras citas para o primeiro semestre do ano 2022 nas que se poderá gozar e aprender con esta actividade comisariada por Manel Cráneo e Henrique Torreiro.

Unha vez remate a parada en Sada, a mostra trasladarase a Compostela. Tamén incluirá nese ciclo itinerante Ribeira, Carballo e San Sadurniño.

Banda deseñada de Alberto Taracido e Rubén Rial

A esas localidades tamén chegarán os diversos documentos históricos, para cuxa valoración se contou co historiador Xosé Alfeirán, e co cómic que ilustra a orixe e evolución da bandeira, que asinan Alberto Taracido e Rubén Rial. 

A deputada de Normalización Lingüística da institución, María Muíño, subliña que "a bandeira é un dos elementos identitarios máis importantes para o pobo galego, que nos identificou e diferenciou como cultura ao longo de diferentes épocas, polo que o centenario da primeira vez que se utilizou oficialmente é unha moi boa ocasión para dar visibilidade as súas orixes e a súa evolución entre a cidadanía".

Comentarios