Pop e indie, rock, blues e funk e soul, metal, canción de autor, músicas urbanas, reggae e ska e mestizaxe, electrónica, música clásica, jazz e músicas improvisadas, música tradicional e folque, músicas do mundo, música infantil, orquestras e músicas de verbena, e coros e música vocal son os apartados aos que poderán optar proxectos musicais galegos. Ademais, os premios Organistrum distinguirán a industria -sala, festival e espazo de comunicación-, e haberá un galardón honorífico.
“Ademais de ser a gran festa da música galega será un acto onde se reivindiquen as demandas do sector”, sinalou Mera, de Músicos ao Vivo, asociación impulsora duns premios apoiados polas adegas Martín Códax, por Agadic (Xunta de Galiza), polo Concello e mais pola Deputación de Pontevedra. Esas reivindicacións, engadiu, teñen a ver coa dignificación e profesionalización, coa preocupación polo reiterado incumprimento da lexislación laboral, ou coa problemática da nova lei de espectáculos e o seu traslado ao ámbito municipal.
O proceso dos Martín Códax arrinca a partir dos músicos e músicas inscritas -de maneira libre e gratuíta- até o 17 de marzo. A partir daí, unha primeira rolda de votacións dos socios e socias de Músicas ao Vivo determinará tres finalistas por categoría. Un xurado decidirá quen se fai coa distinción. Formarano un xornalista, un representante das salas, un representante da industria musical, un representante do ámbito da formación musical e tres músicos ou músicas. O mencionado Premio Honorífico decidirao a asemblea de Músicas Ao Vivo.
As e os finalistas faranse públicos o 24 de abril, na chamada Festa de Nomeados, nas Bodegas Martín Códax. A gala final, dirixida polo dramaturgo Quico Cadaval e presentada polas poetas Aldaolado, será o 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.
“Estes premios son necesarios para evidenciar a riqueza, versatilidade e calidade do sector musical en Galiza”, dixo a directora de mercadotecnia de Martín Códax, María Garrido, para a que resulta “tremendamente interesante o formato colaborativo entre a asociación, as institucións públicas e a empresa privada”.
Nas cinco edicións anteriores, os Martín Códax premiaron 75 proxectos musicais e 12 industriais. Participaron un total de 2.223, 2.005 musicais e 218 industriais.