Pontón propón usar os Next Generation para crear un fondo cultural galego

A portavoz nacional do BNG participou este sábado nunha ofrenda floral á escritora Begoña Caamaño.
ponton_begonha_caamanho_2out2021_arxina
photo_camera No centro da imaxe, Queixas e Pontón, durante a ofrenda floral a Begoña Caamaño deste sábado en Compostela (Foto: Arxina / Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo que Galiza empregue os fondos europeos Next Generation para a creación dun fondo cultural galego que sirva para impulsar "o talento e a creatividade" do país dar "difusión internacional" á lingua e cultura galega.

A líder da formación frontista lanzou esta proposta durante unha ofrenda floral á figura da escritora Begoña Caamaño no parque que leva o seu nome no barrio de Fontiñas de Compostela. 

Alí, acompañada pola deputada Mercedes Queixas e outras mulleres do mundo da cultura, Pontón enxalzou a figura de Begoña Caamaño, "unha figura irrepetíbel e brillante" da literatura galega.

A portavoz nacionalista salientou a achega das mulleres á cultura, que sofre a "invisibilización" por parte da sociedade e que considera preciso reivindicar.

"Como muller, síntome orgullosa e representada polo traballo das escritoras galegas e da súa achega á política, onde seguimos necesitando que o feminismo ocupe todas as actuacións", remarcou Pontón.

Bolsas para creadores e escritores

Paralelamente, Pontón aproveitou o acto para lanzar unha proposta, pensada co fin de que os fondos europeos Next Generation "non acaben nas mans de catro multinacionais" e, pola contra, sirvan para "dar potencia ao país".

Así, en materia cultural, propuxo a creación dun fondo que dea soporte á "creatividade e talento" que existe en Galiza e que contribúa á súa "internacionalización".

Este fondo, continuou, tería como iniciativas a posta en marcha do Instituto Rosalía de Castro ou programas de bolsas para creadores e escritores noveles de cara a facilitar a súa inclusión no mercado editorial.

Comentarios