'O caderno de rama' representa a arte como vía de escape

O pontevedrés Ánxel Carramal gaña o Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético

O caderno de rama do artista Ánxel Carramal gañou onte o IV Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, un recoñecemento que convocan anualmente a editorial Xerais e a escola profesional de banda deseñada que dá nome ao certame.
Ánxel Carramal, gañador do IV Premio de BD O Garaxe Hermético. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ánxel Carramal, gañador do IV Premio de BD O Garaxe Hermético. (Foto: Nós Diario)

Un neno que, por mor dunha guerra que non entende moi ben, queda orfo é trasladado xunto ás demais crianzas do seu barrio a un orfanato situado ás aforas da súa cidade. É alí onde descobre que as únicas pertenzas que lle quedan, un caderno de debuxo e uns lapis de cores que lle regalara a súa nai polo seu aniversario, teñen o poder de facer realidade todo o que debuxa. Todo, excepto un único debuxo que non cobra vida. Coa axuda dos novos amigos que vai debuxando, o neno intentará fuxir do orfanato e volver á súa casa para ver se consegue facer realidade o único debuxo que fixo que non saíu do papel. 

Porén, a cidade está a ser invadida polos "homes máscara", que é como o neno chama os soldados, e terá que botar man tanto da axuda dos seus novos amigos como de amizades que irá facendo ao longo da súa viaxe para poder cumprir o seu obxectivo.  

Con esta historia titulada O caderno de rama o artista Ánxel Carramal gañou onte o IV Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, un recoñecemento que convocan anualmente a editorial Xerais e a escola profesional de banda deseñada que dá nome ao certame. Máis aló do contexto bélico, o cómic ten un carácter atemporal, acentuado polo feito de que está protagonizado por un neno sen nome que podería ser calquera. 

En conversa con Nós Diario, Carramal explica que a mensaxe que O caderno de rama quere transmitir é representar a arte e a ilustración "como unha vía de escape" e a imaxinación "como a ferramenta máis poderosa e máis fermosa para superar as adversidades"

Ánxel Carramal xa gañou varios premios nos últimos anos, entre eles o Concurso de Cómic de Pontevedra, o premio ao Mellor Guión do Concurso de Cómic Ciutat de Cornellà ou o Concurso Cíes Talent. Ademais, quedou finalista na Bienal Terras Gauda e recibiu unha Mención de Honra nos premios Xuventude Crea 2021. Suma agora o Premio O Garaxe Hermético, cuxa obra galardoada será publicada por Xerais no mes de maio de 2023.

Inspiración bélica

Inspirado en películas e historias bélicas como Hotaru no haka, Maus ou Momo e os homes grises, O caderno de rama xoga cos aumentos de cores "segundo o estado de ánimo do protagonista", e ao revés, "cando protagonista está triste, cores máis desaturadas que chegan incluso ao branco e negro", sinalou Carramal a Nós Diario. Precisamente o xurado destacou o uso da narrativa da cor.

Comentarios