As cuartas xornadas da Terra de Miranda debaten o momento que vive o medio rural galego

Afondarán nas potencialidades da historia e do patrimonio locais.
BaixaFornos de calcinación de mineral de ferro na Pontenova (Foto: Colectivo Xea).
photo_camera BaixaFornos de calcinación de mineral de ferro na Pontenova. (Foto: Colectivo Xea).

As IV Xornadas da Terra de Miranda inaugúranse esta sexta feira na Casa da Cultura da Pontenova co obxectivo de debater o momento que vive o medio rural galego, en xeral, e o futuro da Terra de Miranda, unha comarca non recoñecida oficialmente, en particular. 

As Xornadas están organizadas polo movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, contan coa colaboración de 40 colectivos da comarca e dos concellos da Pontenova, Meira, Riotorto e Trabada e están financiadas pola Deputación Provincial de Lugo. 

O programa divídese en tres partes. A primeira, esta tarde, estará centrada no turismo e no seu desenvolvemento racional, contemplándoo sempre como un dos eixes económicos fundamentais para unha comarca rural como a Terra de Miranda. 

A segunda, o sábado pola mañá, tratará de desenvolver o sentido do lema escollido para esta edición: "Bebendo do pasado marcamos o rumbo do presente", afondando nas posibilidades que a historia local ofrece desde o ámbito educativo. Neste sentido, haberá un relatorio, unha mesa redonda e presentaranse dúas unidades didácticas sobre os segadores e sobre os ferreiros galegos. 

A terceira xeira, o sábado pola tarde, estará centrada no patrimonio da Terra de Miranda e nas súas posibilidades non só educativas, senón tamén económicas. Constará de dous relatorios e dun encontro de colectivos da comarca que tentarán poñer a andar un proxecto de recolla do patrimonio inmaterial e, particularmente, do vocabulario do dialecto mirandés, a punto de desaparecer. 

Tamén está programada a proxección do exitoso documental Segadores da Órrea en terra de Castela, unha historia de heroes, elaborado pola Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, e a actuación final do grupo de música tradicional A Chocolateira, da Pontenova.  

Comentarios