O Consello da Cultura Galega vén de divulgar un novo informe que pon de relevo as deficiencias significativas na protección do patrimonio cultural no Parque Eólico Acibal, situado na Galiza. O estudo analiza os acontecementos recentes e avalía os informes previos existentes sobre os traballos realizados nesta área.
O informe enfatiza o insuficiente recoñecemento e salvagarda adecuados dos elementos patrimoniais naturais e culturais durante o proceso de tramitación e execución do polígono eólico Acibal.
A falta dunha identificación previa do patrimonio cultural, incluíndo elementos arqueolóxicos e inmateriais, tivo como resultado danos irreparábeis, como a deslocalización de petróglifos, importantes manifestacións da arte rupestre galega.
Destaca, ademáis a falta de colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para darlle acceso á información relativa ao Polígono Eólico Acibal.
Ademais, o estudo destaca a carencia dunha avaliación completa do impacto sobre a paisaxe cultural na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) de 2021. Os valores históricos, culturais e naturais da área non foron debidamente considerados, dando lugar a consecuencias negativas para a paisaxe e o medio ambiente.
Mobilización social
“A mobilización social das comunidades locais, que traballaron arduamente para documentar e preservar o patrimonio natural e cultural afectado polo parque eólico, non recibiu o recoñecemento axeitado por parte da Administración. A participación das comunidades locais na toma de decisións foi desatendida, prexudicando a transparencia e o acceso á información relevante”, indican desde a plataforma Amil sen Eólicos.
Diante disto, o Consello da Cultura Galega sinala a necesidade urxente dunha avaliación cualitativa das políticas públicas relacionadas co desenvolvemento eólico na Galiza. “É crucial revisar os conceptos e criterios de protección do patrimonio cultural, considerando todas as dimensións espaciais, materiais e inmateriais dos bens patrimoniais”.
O Consello da Cultura Galega recomenda que as avaliacións de impacto ambiental futuras para proxectos eólicos teñan plenamente en conta os valores culturais, naturais e da paisaxe, garantindo unha abordaxe sostíbel.
Neste contexto, o Consello da Cultura Galega destaca a importancia dun maior envolvemento e participación das comunidades locais nas decisións que afectan directamente os seus territorios e historia. “A colaboración entre os expertos e as comunidades é fundamental para protexer axeitadamente o patrimonio cultural e preservar a identidade histórica e cultural da rexión”, aseveran desde Amil sen Eólicos.
O Consello da Cultura Galega anima a Administración e as partes implicadas a adoptar unha abordaxe máis coidadosa e integrada no desenvolvemento eólico, respectando a riqueza patrimonial e cultural do país.