Contracultura

Antón Costa: "Os obxectivos da Nova Educación continúan a ser retos académicos na actualidade"

Antón Costa Rico, xunto con Lucía Iglesias da Cunha, organiza a exposición 'A Escola Nova... tamén entre nós (1921-2021)' co obxectivo de pór en valor o movemento pedagóxico internacional da Nova Educación. A mostra pode visitarse até esta sexta feira, 27 de outubro, no Colexio de Fonseca (Compostela).
O pedagogo e catedrático de Historia da Educación na USC Antón Costa Rico. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O pedagogo e catedrático de Historia da Educación na USC Antón Costa Rico. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu esta iniciativa?
Nace como unha iniciativa do grupo de investigación SEPA-Interea da Universidade de Santiago de Compostela, aínda que tamén lle debemos un agradecemento moi importante á biblioteca da universidade e á Vicerreitoría de Estudantes e Cultura pola súa colaboración. Eu son militante de Nova Escola Galega así como catedrático de Historia da Educación. Unindo ambos os elementos podemos entender que unha faceta que cambia moitas cousas, a escala internacional e co seu correspondente impacto no Estado español e na Galiza, ten que ver co movemento de Nova Educación, que comezou a desenvolverse a finais do século XIX e que tivo unha vida moi activa e dinámica fundamentalmente no mundo occidental.

A referencia a ese movemento internacional da nova educación dalgún modo forma parte da educación básica, mais contado de forma excesivamente sintética para a mocidade que está estudando na Facultade de Ciencias da Educación. Nese contar tan simple ás veces podería parecer unha cousa que non tivo o impacto e o alcance que tivo. Esta exposición é unha procura para achegar ao estudantado unha información axeitadamente tratada porque axuda a entender algúns dos aspectos do presente. 

—Eses obxectivos marcados pola Nova Educación están cumpridos hoxe en día?
Hai algunhas cousas que son contraditorias con esas orientacións. Cada época e momento innova desde si tamén, desde o seu presente, mais non todo obedece ao momento actual nin moito menos. Ás veces hai aspectos que atopan chaves profundas nun patrimonio xa acadado no pasado. Non é que esteamos observando como se estiveramos nun miradoiro. Estes obxectivos continúan a ser retos hoxe en día.

Tamén hai que ser conscientes de que a Nova Educación é un movemento moi rico e parcialmente diverso tamén desde o punto de vista ideolóxico. Polo tanto, as autoras e os autores máis relevantes traen consigo a defensa dunha autonomía crítica, de prácticas e condutas democráticas, dunha formación ética e moral, da riqueza e a diversidade das capacidades expresivas das persoas, da coeducación, do coñecemento e o respecto da natureza. Todo isto estaba xa presente, e poderíamos seguir debullando ideas que son fundamentais no conxunto das orientacións construídas pola Nova Educación  e que seguen a ser retos na actualidade.

—Precisamente, tamén se percibe toda unha evolución no propio movemento.
Claro. Tal e como reflectimos no documento que acompaña a exposición, o movemento comeza a través de dúas experiencias que pasan a coordinarse a partir de 1899, mais é grazas á creación da Liga Internacional da Educación Nova (LIEN) en 1921 cando pasa a ter unha mellor escala de organización. Neste momento foi cando se estabeleceron os seis primeiros principios da Nova Educación, ao que se lle engade un sétimo nun dos congresos realizados en 1932, polo que hai unha incorporación rica do que é a construción social democrática.

Como dicía ao comezo, a exposición pretende servir para facerse consciente deste impacto. En concreto, na sala correspondente á innovación pódese apreciar que xa se falaba de escolas cooperativas ou do traballo por proxectos. Fundamentalmente trátase de botar unha ollada atrás e percibir que efectivamente algunhas formas novas corresponden a 2023, mais que contan con elementos de fondo que son moi ricos e que comezaron a deseñarse ou a construírse hai cen anos.

Neste documento do que falo que fixemos para acompañar a mostra tamén facemos referencia a aspectos concretos da Galiza xa que, aínda que con modestia, tamén tivo expresións de todo este movemento que se estaba a xerar a nivel internacional. Así, aparecen nomes relevantes como María Barbeito, Manuel Díaz Rozas, Albiño Núñez, José Toba ou Apolinar Torres López.

Máis en CULTURA
Comentarios