O certame de fotografía As Imaxes do Patrimonio, promovido pola asociación cultural e pedagóxica Ponte...Nas Ondas!, consiste en recuperar fotos antigas que posúen as familias, dixitalizalas e redactar un texto relacionado coa imaxe.
Trátase da terceira edición do certame de fotografías antigas para realizar en familia e no que a xente nova pode coñecer moitos aspectos do patrimonio cultural que se encontra documentado nas fotografías familiares. Con estas imaxes accédese a unha boa parte de expresións culturais que xa desapareceron ou que xa son descoñecidas para as novas xeracións.
Así o explican desde Ponte... Nas Ondas!, que este 2020 celebra os seus 25 anos en activo. Pódese participar a través de internet enviando as imaxes cun texto e os teus datos ao portal de escolasnasondas.com.
As imaxes dos álbums familiares conteñen moitas manifestacións e vivencias que poden ser descoñecidas polo alumnado dos centros educativos. "Precísase que a xente máis nova coñeza o seu pasado recente e que sexa quen de interpretalo. Neste labor de transmisión e vivencia das imaxes é necesaria a implicación da familia para axudar a comprender os contextos onde se produciron as expresións culturais documentadas", precisan desde a asociación cultural.
Estabelécense dúas categorías: unha para Educación Infantil e Primaria e outra para o alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional. Hai tres premios a repartir en cada unha das categorías.
Por outra banda, Ponte... Nas Ondas! pon a disposición do profesorado, das familias e dos máis novos recursos interactivos co patrimonio cultural inmaterial da Galiza e Portugal na súa web: pontenasondas.org.