Poetas “diversos” abren unha porta en Vila Nova da Cerveira

Os sábados son días de feira en Vila Nova da Cerveira. Popular e festiva, unha das vilas de máis actividade cultural do norte de Portugal, acollerá este 22 de setembro a presentación de seis libros da colección Diversos da Editorial Positivas. A nova poesía galega estreita pontes con Portugal no singular espazo Porta XIII.

Unha ponte de menos dun quilómetro que atravesa o río comunica territorio portugués e galego. Á outra beira, unha vila de incríbel encanto, movemento e actividade cultural acollerá este sábado día 22 a presentación de seis poetas galegos, que chegarán a Vila Nova acompañados do seu editor Francisco Macías, de Positivas, un selo que mostra especial sensibilidade no achegamento da cultura galega a Portugal. Será protagonista do programa preparado para ese día en Porta XIII, unha libraría-asociación cultural-centro de arte que dinamiza e promove a cultura no norte de Portugal.

Porta XIII describe a súa actividade da man do escritor Luandino Vieira, un dos máis prestixiosos autores en lingua portuguesa que revolucionou o mundo literario ao se negar a recoller o Premio Camoens no ano 2006, o galardón máis importante na lingua portuguesa. "Porta Treze, a nossa associação, rigorosamente cultural para fins de solidariedade social, está aberta a todos quantos a queiram e em celebração da poesia da língua portuguesa. Só isto: a poesia – que é a nossa vida; a língua portuguesa – que é a alma que essa vida guarda." explica Luandino Vieira arredor do espazo que este sábado acollerá os seis poetas galego.

Son seis propostas “diversas” como a propia colección en que se insiren e que responde a seis maneiras distintas de se achegaren á poesía. Contatrás II-I de Paula Carballeira, Vinte en escena, de Rosalía Fernández Rial, nflamable, de Samuel L. París, Balea2, de Estevo Creus, Versos fatídicos, de Alfredo Ferreiro e Métodos para afogar un cisne, de Serxio Iglesias son os libros que se apresentarán na Porta Trece, nun acto en que, alén de autor@s e editor contará coa actuación do grupo musical “De outra margem”.
 
“Temos alí os libros en depósito e o convite partiu de Porta XIII que busca estreitar pontes coa cultura galega” explica Francisco Macías, que se gaba da proposta literaria con que a editorial acode a Vila Nova da Cerveira. “Son seis títulos, a maior parte deles recentes, de moita calidade e diversidade, unha poesía nova que responde á marca editorial de Positivas” anota o editor, á man de quen chegan moitos máis orixinais poéticos nos últimos tempos, dada a desaparición de propostas editoriais para a poesía. “Son seis libros que pagan a pena, que dán idea da riqueza da poesía actual, algúns moi irreverentes e outros que sorprenden pola súa singularidade” explica, dun grupo de nomes que están a sorprender o noso panorama literario.

Non é a primeira vez que Positivas se ten adentrado no mundo cultural luso. No seu catálogo hai títulos de autor@s en lingua portuguesa, participou en feiras e outros encontros culturais en Portugal. Agora móstrase especialmente entusiasmado por entrar en contacto con Porta XIII, un centro cultural dinánico do norte, con propostas literarias únicas en que se aprecia a figura singular e extraordinaria de Luandino Vieira.

Comentarios