27 de febreiro na Coruña

O poeta chileno Raúl Zurita inaugura a residencia literaria promovida por Yolanda Castaño

A Residencia Literaria 1863 é o último proxecto da polifacética escritora Yolanda Castaño. A internacionalización da literatura galega e a promoción da escrita creativa, os seus motores. Para inaugurala, contará cun dos poetas de maior relevo de Latinoamérica, o chileno Raúl Zurita (Santiago de Chile, 1950). Recitará este 27 de febreiro, ás 18.00 horas, na sede do proxecto, na Coruña.
 

Raúl Zurita na Coruña con Yolanda Castaño
photo_camera Raúl Zurita na Coruña con Yolanda Castaño. Foto: cedida.

“O primeiro residente inaugura así este espazo dedicado ao fomento e á expansión da literatura desde Galiza”, indica Castaño nun comunicado de prensa, “inspirándose nas pedras da Pescaría ou no legado histórico do corazón da cidade para alimentar novas páxinas da súa brillante poética”. A residencia 1863 atópase no número 46 da rúa Rego de Auga. Desde ese balcón lerá Zurita os seus poemas.

O chileno é autor de libros fundamentais da poesía hispana contemporánea, como Anteparaíso (1982), La vida nueva (1994) ou Zurita (2011). “Será un acontecemento ver e escoitar esta figutra das letras mundiais cargada de rexo compromiso coa palabra e a memoria histórica”, afirma Yolanda Castaño sobre un home que leva máis de 40 anos de militancia no Partido Comunista.

A Residencia Literaria 1863 “estabelecerá convenios con entidades estranxeiras dedicadas á promoción das letras que se resolverán en bolsas de creación en residencia dun mes de duración”. “Escritoras e escritores de todo o mundo profundarán no seu traballo literario mentres se integran na vida cultural coruñesa, lonxe das distraccións e obrigas da rutina cotiá”, expón Yolanda Castaño.

Comentarios