Pilocha regresa cunha zarzuela en galego

A cantora que revolucionou a canción galega a finais dos 70 e de quen temos aínda na memoria como a voz do ‘Sancristán de Coimbra’ ou ‘Alecrín’, volve con novos proxectos na carteira, un deles, unha zarzuela en galego.

pilocha
photo_camera Pilocha no Teatro Bambalinas (Bos Aires) en 2006

Logo do seu éxito con aquel primeiro disco, titulado ‘Pilocha’ (1978), a cantora viguesa desapareceu da escena -e do país- e volveu timidamente 20 anos máis tarde, con algúns proxectos con Antón Seoane (Milladoiro) como ‘Calamidá sentimental’ (1998) ou ‘Lambón cancións para os croques’, destinado ao público infantil. 

Desde hai varios anos dá clases de canto nunha escola de música en Lugo, desde onde desenvolve varios proxectos musicais cos seus alumnos. “Ademais, teño en carteira facer un par de discos, un deles co compositor e guitarrista de jazz Marcos Pin”, conta a cantora. 

Agora está inmersa na preparación dunha zarzuela en galego, xunto cos seus alumnos adultos, que se estreará na vindeira primavera. Todo naceu doutra experiencia similar, cando estrearon de forma moi exitosa  ‘La verbena de la Paloma’, un clásico español do chamado xénero ‘chico’, obtendo cheos en varios teatros da provincia de Lugo. 

A zarzuela, un xénero “a rescatar”

Segundo Pilocha, “a zarzuela é un xénero a rescatar, está moi esquecido pero en Galiza tivo moita implantación”. O título desta peza é ‘Unha lúa para Belido’. “É unha obra orixinal, escrita en galego, con humor e unha crítica social bastante ácida, con personaxes do imaxinario popular galego como Romasanta”, explica. 

O libreto é orixinal de Ramón Area (novelista), a música de Vadim Yukhnévich (Banda Crebinsky), os textos da propia Pilocha e a dirección de escena de María Barcala, de Teatro do Atlántico. Subirán a escena uns 15 solistas e 5 músicos, e teñen previsto facer unha xira polo país. 

A zarzuela na nosa historia

Efectivamente, se botamos un ollo á nosa historia atopamos máis zarzuelas en galego do que cabería agardar. Desde ‘Non máis emigración!’, que se estreou en 1886 nun teatro da Habana, foi un xénero de ida e volta, que xa no século XX foi promovido no tempo das Irmandades para achegalo ás teses galeguistas a través das corais creadas por este movemento, como Toxos e Froles, Ruada ou Cántigas e Agarimos. 

A última zarzuela representada en galego foi ‘O arame’, que se estreou no Teatro Colón en 2008, escrita e dirixida por Manuel Lourenzo, aínda que en pequenísimo formato, con só dous solistas. 

Comentarios