venres 24.01.2020
Derradeira xira

Perto de 2.000 persoas despiden Nao en Compostela

A banda Nao, referente do rock en galego, di adeus definitivo aos escenarios este 7 de decembro en Amio (Compostela) cun concerto de tres horas de duración e máis dunha vintena de colaboracións.

[Foto: Nao] A banda Nao nunha imaxe promocional
[Foto: Nao] A banda Nao nunha imaxe promocional

Após 14 anos de andaina sobre os escenarios galegos, Nao ofrece o seu derradeiro concerto este sábado 7 de decembro no recinto Feiral de Amio (Santiago de Compostela) ás 20.30 horas. Case 2.000 persoas asistirán a este Adeus e grazas dunha das bandas máis relevantes do rock galego actual.

Con esta cita prometen un evento único, no que os catro integrantes da banda gozarán da compaña de diversos intérpretes que consideran parte da súa historia: “Xente coa que xa colaboramos como Mini e Navia Rivas e tamén persoas que xa forman parte da nosa familia despois desta última xira como SonDaRúa, Tanxugueiras, Nervo de Rebeliom do Inframundo ou Patty Castro”.

Nun repaso da práctica totalidade do seu repertorio, o grupo contará con artistas convidados como Picchio (Banda Bassotti), Sabela Ramil (OT), Pauliña, Gabri (Dakidarría), Luken Arkarazo, Iago Pico, Vituco Neira, Carlos Gillino, Xiana Lastra, Roi Xesteira ou a banda Odolaren Mintzoa. Prometen, ademais, outras sorpresas.

Á formación habitual da banda uniranse Manuel Varela no acordeón, Carlos Narts no teclado, Inés Duport no violoncello e os tres ventos de Dakidarría.

Nao promete unha festa épica que pon punto e final ao seu longo percorrido, clausurando A derradeira xira na que presentan “Ata que o lume se apague”, disco que fecha a triloxía de despedida que comezaron no 2015 baixo o título de Apocalipse NAO.

comentarios