Contracultura

Perfecto Ramos: "Gregorio Feixoo protagonizou un dos episodios máis relevantes pola dignidade da nosa lingua"

Perfecto Ramos presenta 'Os Lobariñas Feixoo. Luz e memoria nos Séculos escuros', unha nova investigación arredor das figuras de dous parentes: Gregorio, inquisidor e autor dunha obra en lingua galega, hoxe perdida; e Antonio Jacinto, investigador das propiedades medicinais das plantas e colaborador do Padre Sarmiento.

O investigador Perfecto Ramos está a presentar estes días o seu novo libro (Foto: Xan Carballa).
photo_camera O investigador Perfecto Ramos está a presentar estes días o seu novo libro. (Foto: Xan Carballa)

—Como chegou a historia destes dous parentes?
Eu non son historiador profesional, mais sempre me gustou facer investigación histórica arredor da miña comarca, A Paradanta, e de Crecente en concreto, sempre que tivera que ver con cuestións relevantes para a historia da Galiza e que non fora unha simple curiosidade sen transcendencia. Hai máis de dez anos eu non tiña moita idea sobre a familia dos Lobariñas Feixoo, dos que aínda quedan moitos, mais estaba traballando nunha investigación sobre a Guerra da Independencia de Portugal e entre uns manuscritos atopei unhas cartas falando dos Lobariñas.

Pareceume o suficientemente importante como para seguirlle a pista e iso levou a que deixara aparcado o meu traballo inicial, que aínda non dei rematado, e que me centrara nesta familia e, principalmente, en Gregorio. A partir del descubro toda a historia da súa familia, onde estivo e descendencia e conseguín ligalo a Antonio Jacinto.

—Que sabemos a día de hoxe das Galegadas, a obra que escribiu Gregorio?
Este home protagonizou un dos episodios públicos máis importantes pola dignidade da nosa lingua. El escribiu nesta obra a historia da Galiza e, cando a nosa lingua xa levaba máis de 150 anos prohibida, solicitou a autorización real para poder imprimila en galego. Fixo unha viaxe a Madrid cuns custos tremendos para poder presentala na Corte. Evidentemente contéstanlle que non ten lugar a súa petición, seguramente destruirían a copia que el enviara e el debía destruír a copia coa que quedara.

Tamén hai que dicir que tiña a oportunidade de publicala en castelán, porque xa fora aprobada polo bispo de Tui, polo que desde o punto de vista relixioso non tiña ningún problema, mais el non fai nin unha cousa nin a outra e dez anos despois volve presentar a solicitude.

Neste caso si que foi aprobada, eu interpreto que el contou con outros galegos que tiñan poder na Corte e de feito foille aprobada xunto con outra obra, esta en español, que escribiu mentres estudaba en Salamanca e sendo amigo de Lope de Vega, que nese momento estaba escribindo A Arcadia. Claro, sabendo que Gregorio era un comisario da Inquisición, unha persoa da que menos se podería esperar semellante acto de valentía, temos que pensar que habería moita máis xente que neses tempos escribiu en galego, mais que non contaba cos recursos ou as posibilidades de facer a solicitude en Madrid.

A min non me parece que a máxima defensa do idioma estivera nun personaxe así, seguramente habería persoas moito máis sensíbeis ca el. No libro conto onde foron todos estes documentos e que persoas tiveron contacto con eles, polo que non perdo a esperanza de que, buscando, sexamos quen de atopalos. No caso das Galegadas, sabemos que prestou o libro en Portugal e que nunca llo devolveron.

—E cal é transcendencia de Antonio Jacinto?
Del non se coñecía practicamente nada, só que era nomeado por Manuel Murguía e polo Padre Sarmiento. De feito, o principal estudoso dos documentos deste último chegou a escribir que era un personaxe inventado por el, dado que non aparecía por ningún lado. Na Galiza hai poucas referencias sobre el, practicamente só contados coas moitas gabanzas que fai del o Padre Sarmiento.

Polo que sabemos puido escribir un dicionario de plantas galegas coas súas propiedades medicinais. Neste caso o que fixen foi un estudo de todos os seus herdeiros até o ano 1900 para estabelecer o camiño que puideron seguir as hipotéticas obras que escribiu. Sabemos que acabou traballando como médico en terras de León, polo que en caso de que efectivamente escribira ditas obras e estas se conservaran, o seguinte paso sería continuar investigando neses territorios seguindo a liña deses herdeiros que puiden identificar.

Comentarios