A CRíTICA DE CINEMA DA SEXTA FEIRA

'Paulina', unha mirada nova sobre un clásico do cinema arxentino

Paulina deixa a súa carreira de avogada en Bos Aires para participar en labores sociais na súa vila natal. Tras dúas semanas de traballo sufre o violento asalto dun grupo de mozos de clase. Lonxe de fuxir da vila, decide quedar e buscar os motivos de tan salvaxe agresión.

PAULINE

Paulina ven de pasar con bastante éxito polos festivais internacionais de Cannes, onde obtivo o Gran Premio da Crítica e mailo Premio FIPRESCI, e de Donostia, onde acadou tres premios dentro da sección “Horizontes”. Trátase do remake de La patota, clásico do cinema arxentino que adapta Santiago Mitre nunha coprodución internacional avalada, entre outros, polo brasileiro Walter Salles (Estación Central do Brasil). Mitre prescinde dos contidos relixiosos do filme orixinal para embarcarse nunha historia de contido máis social e sociolóxico do comportamento humano apoiándose en diferentes puntos de vista: o da muller agredida, o do agresor, o do pai e o do mozo. Paulina, unha muller idealista, decidida e independente, decide deixalo todo atrás para dar clase nunha zona deprimida do país procurando mellorar as pobres condicións sociais e educativas dunha pequena vila. Atopa bastante reticencia do seu pai, pero aínda máis do seu mozo. Pese a falla de incomprensión decide ir igual. As clases ao principio son un desastre.

Pese as súas indubidables capacidades, non sabe impoñerse fronte a unha recua de adolescentes contestatarios e sen motivación. Unha noite, retornando dunha cea con outra das profesoras, é agredida sexualmente por unha “patota”, como se chama en lunfardo (xerga da zona) a unha banda de rapaces que non teñen onde caerse mortos. Aquí comeza o bo. Cun intelixente flash-back a historia pasa ao punto de vista do agresor, obrigando a que o espectador coñeza e, dalgunha maneira, tome parte nas peregrinas razóns de como home de poucas luces, alimentado polo rancor, pode chegar a realizar un acto tan miserábel. A continuación entra en xogo o namorado de Paulina que, superado pola situación, clama vinganza. Pero máis parece unha vinganza para salvar o seu honor que o da propia moza. Por último o pai, que ademais é xuíz, así que aposta por aplicar a lei con toda a súa contundencia.

Mais Paulina é unha muller enteira, de ideas claras. Non lle prestan as presións de ningún tipo e aínda menos que ninguén tome as decisións por ela. Só quere coñecer. Coñecer a verdade. Xa sufriu bastante con ter que aturar por semellante trauma, ademais da aséptica burocracia e do procedemento hospitalario para mulleres violadas, como para que se lle faga mal non recibindo o apoio necesario por parte das persoas que deberían estar do seu lado. Non precisa micromachismos, intermediarios e moito menos que se metan os corpos da lei, porque “cando hai pobres de por medio a xustiza non procura a verdade, procura culpábeis”... O estilo de Mitre tira á europea con parecidos razoables, por momentos, co estilo dos irmáns Dardenne. A trama acerta en aportar diferentes puntos de vista, un pouco ao estilo Rashomon, pero non acaba de callar e ao pouco de propor o golpe de efecto de poñernos na pel do agresor, a cousa comeza a dar bandazos que estragan a interesante premisa. A historia acaba por diluírse un pouco por mor de ir por diferentes camiños sen axustarse a unha liña concreta de narración. Irregular no conxunto pero compensada coa soberbia interpretación da protagonista Dolores Fonzi, gañadora do Fénix a Mellor Actriz dos Premios Iberoamericanos de Cinema por dar vida a unha muller violada que afronta con decidida determinación o seu propio destino, por moi estraño que pareza. Un filme social e feminista que trata de expor cuestións máis que respostas.

PAULINA

La patota (Argentina-Brasil-Francia 2015, 103 min.)

Dirección: Santiago Mitre

Guión: Mariano Llinás e Santiago Mitre

Fotografía: Gustavo Biazzi                                                            

Música: Nicolás Varchausky

Elenco: Dolores Fonzi, Óscar Martínez, Esteban Lamothe, Cristian Salguero, Laura López Moyano, Ezequiel Díaz

Comentarios