Contracultura

Paula Chaves: "É incríbel que as crianzas comecen a falar en galego por escoitar o que facemos"

Paula Chaves, a artista musical coñecida como Pauliña, está centrada en colaboracións con figuras de diferentes disciplinas mentres planifica a saída do seu próximo disco. Pauliña relata a súa participación no filme O home e o can, así como a colaboración no último traballo de Los Chikos del Maíz, todo isto conectado coa idea inicial do proxecto: “que incluíra todas as xeracións”. 
Paula Chaves participa no filme 'O home e o can' e prepara o seu próximo disco (Foto: Adras Martínez).
photo_camera Paula Chaves participa no filme 'O home e o can' e prepara o seu próximo disco (Foto: Adras Martínez).

Co 2020 saíu Testemuñas. Hai un novo traballo á vista?

Proximamente non. Quero dedicarme a compor o disco cando teña tempo, quizais no verán. Penso que todas as cousas teñen o seu tempo, aínda que na actualidade parece que todo ten que ir máis rápido coas novas tecnoloxías e os medios de reprodución en liña como Spotify ou Youtube.

Co novo disco teño as ideas moi claras e os temas xa compostos, polo que quero dedicarlle o tempo que merece. Con todo, sigo dando concertos: estarei o 21 de xaneiro en Vedra, o 10 de febreiro en Ourense e o 11 de febreiro en Redondela. 

Precisamente, neste último ano participou como actriz no filme O home e o can e colaborou co novo disco de Los Chikos del Maíz.

O filme foi unha casualidade. Ángel de la Cruz, o director, coñeceume nun programa que estaba rodando en Cambados e meses despois volveu contactarme para dicirme que levaba todo ese tempo pensando que eu era a Paula dun guión que tiña escrito desde 2014. A experiencia do cine foi marabillosa e creo que é algo que se che pon diante e non podes dicir que non. Tamén foi casualidade o de Los Chikos del Maíz, eu ao principio non o cría.

Escoitaran algunha das miñas cancións porque lles saíra en Spotify e contactaron comigo para facer esta colaboración nun dos temas de Yes future.

Que lles gustase a miña música sendo uns referentes é un pracer e un orgullo e penso que fixemos unha canción bastante combativa, que ademais está dentro dun disco no que colaboran con persoas que xa teñen un nome, mais tamén con outras que aínda se están facendo un oco.

Poder participar e ademais facéndoo na nosa lingua coa difusión que eles teñen creo que reivindica moitas cousas e estou moi contenta co resultado. E creo que isto é un valor que debería ser máis promovido. 

Parece que teñen que revivir grupos de rock que xa deixaron de existir na Galiza porque precisamos esa onda outra vez, e o trap está xenial, son influencias que eu mesma escoito, mais penso que agora hai un auxe que está moi en competencia con outros xéneros. Gústame poder colaborar tanto dentro como fóra da Galiza nestes casos nos que atopamos reivindicacións comúns como os dereitos ou cuestións sociais que nos levan a facer das nosas letras o noso modo de vida. 

Como foi a evolución desde a Pauliña cantautora até a Pauliña banda?

Eu ía polos bares intentando encaixar as letras que facía cos acordes que sabía na guitarra. No momento no que se creou a banda, abriuse todo un abano de posibilidades: todo o que eu tiña na cabeza e as miñas referencias podía plasmalas nos instrumentos.

Evidentemente guiada por Paco, Lolo, Julián e Samuel. Mais era quedar e ver que, por exemplo, me gustaba o toque de rockabilly nunha canción concreta, e que tamén me apetecía facer unha rancheira. Isto é o que me encanta de traballar con Xonix Records e co meu grupo, porque ao final somos familia. Con todo, sempre intentamos non tirarnos aos extremos facendo algo moi hardcore ou moi punk porque a miña idea co proxecto de Pauliña desde o comezo era que incluísen todas as xeracións. 

Os temas son en galego, reivindicativos, feministas, mais eu buscaba chegar a un punto interxeracional. E de feito, hoxe en día vexo bailar crianzas de sete anos que veñen aos meus concertos xunto con mulleres e homes de 60 e eu, aínda que o buscaba, non saio do asombro porque non hai cartos que o paguen.

Que as crianzas que non te escoitaron nunca digan que comezaron a falar en galego grazas a escoitar o que facemos ou poder darlle á xente este espazo que precisa de desfrute, de sentir que están nun ambiente confortábel nun tempos nos que todo vai tan rápido, é incríbel. 

Comentarios