Contracultura

Paula Alonso (Cuac FM): "O máis importante é obter a licenza para emitir, e contamos con lograla este ano"

Paula Alonso (Riotorto, 1989) é a presidenta de Cuac FM, a radio comunitaria da Coruña que vén de celebrar o seu 28 aniversario. Alonso fai un balance do camiño percorrido e aborda os retos dos anos vindeiros.
Paula Alonso (segunda pola esquerda) na celebración do aniversario de Cuac FM. [Foto: Nós Diario]
photo_camera Paula Alonso (segunda pola esquerda) na celebración do aniversario de Cuac FM. [Foto: Nós Diario]

—Que valoración fai dos 28 anos de Cuac FM?
Para min o máis salientábel é a fortaleza e o núcleo duro que creamos. Somos unha familia. Xuntámonos xente de moitas xeracións diferentes, desde os 20 até os 50 anos. Cada persoa entrou nun momento concreto, algunha levará máis e outra levará menos, mais esa familia que se crea aí dálle moita fortaleza á radio. E se Cuac FM ten a fortaleza que ten é grazas a todas as persoas que formaron parte dela ao longo destes 28 anos. Dá gusto escoitar a xente que pasou nalgún momento pola radio, participaran puntualmente nalgún programa ou durante anos. Outra das cousas que máis me gustan é a rapidez de resposta de todos os compañeiros.

Cando comezou a pandemia, no mesmo día xa estaban buscando a maneira de poder emitir en remoto. E de feito creamos un magazine diario que durou todo o confinamento con persoas convidadas de diferentes partes do mundo. Tamén é un gusto ver que 28 anos despois tantas cousas mudaron para ben, que medramos tanto en tantos sentidos. A radio mantén a súa esencia, mais parece outra. Se nos chegan a dicir nalgún momento que íamos enfrontarnos a un preito coa Xunta, non creriamos nin de broma que podíamos gañar.

—Nese momento, tiveron que sacar a fortaleza da que falaba, non?
Efectivamente. Foi moi complicado porque até que se resolveu toda a situación ao noso favor tiñamos moito medo por esa ameaza de sanción que recibiramos da Xunta. De feito, cando chegou a primeira notificación o primeiro que fixemos foi apagar a radio. Pasamos a emitir só online e aí perdemos unha gran parte de público, xa que hai moita xente que nos escoita que utiliza un transistor e non internet.

Cando comezamos a pedir sinaturas, recibimos moito apoio e aí fixémonos máis fortes aínda, porque ademais da nosa familia sentimos moito agarimo da xente de fóra. Tiñamos moito medo porque, aínda que contabamos con todas as razóns para gañar, pelexabamos contra unha grande institución como é a Xunta. Ver como medramos e conseguimos iso que parecía imposíbel é moi gratificante.

—Como celebraron este 28 aniversario?
Por unha parte, fixemos a presentación dun libro escrito e promovido por Noel 'Turbulencias', Galicia MusiCalidade. Ao día seguinte, aproveitando que tiñamos unha das nosas asembleas anuais, fixemos unha comida entre todas as persoas que facemos parte de Cuac FM. E o máis emocionante xa foi un acto no que proxectamos un documental que realizamos hai tres anos.

Ademais, aproveitamos a parte final para facer un coloquio e darlle o micrófono a quen quixese contar como fora a súa experiencia connosco. Aínda que todas as celebracións foron emocionantes, este último acto foi moi especial e de feito a varias persoas saltáronsenos as bágoas. Por exemplo, había unha parella que tiña un bebé duns poucos meses. Eles coñecéranse en Cuac FM e ese bebé pasa a ser agora o noso socio máis novo. 

—Cales son os plans para os próximos anos?
Polo momento xa temos marcada a data do 30 aniversario. Non hai un punto concreto ao que chegar. O máis importante para todas nós é a obtención dunha licenza. É o único punto que temos en mente, pero contamos con poder logralo este ano. Queremos seguir medrando, seguir celebrando xuntas e darlle voz a tantos colectivos e persoas diferentes como fixemos todos estes anos.

Comentarios