Contracultura

Patricia Porto: "Os dereitos que consegue o feminismo son dos primeiros que se perden"

Patricia Porto, educadora social, sostén xunto Montse Vilar a libraría Lila de Lilith, en Santiago, pola que foron galardoadas cun dos premios Abrandares de Compostela. Porto reflexiona sobre a evolución do proxecto desde os seus inicios porque, como ela defende, "o feminismo non está soamente nos contidos dos libros, tamén é unha forma de relacionarse".
A libraría vén de recibir o premio Abrandares. (Foto: Charo Lopes)
photo_camera A libraría vén de recibir o premio Abrandares. (Foto: Charo Lopes)

—Que significou recibir o premio Abrandares de Compostela?
Sempre é unha alegría, mais neste caso é un recoñecemento que se fai desde o Concello. Está proposto polas voceiras de todos os partidos políticos, ten ese engadido de que é algo colectivo e que a nós nos fai sentir o apoio da cidade. Por unha parte, é como recoñecer o traballo que fixemos, mais tamén é un pulo para que sigamos adiante.

A libraría é un proxecto bastante persoal cunha vocación colectiva e cunha aposta firme polo compromiso co feminismo, polo que temos que enfrontar as dificultades que presentan as librarías e o pequeno comercio, mais tamén no que se refire á nosa especialización. Por iso é tan importante que se nos recoñeza.

—Cal é o balance tras máis dunha década en activo?
Desde que creamos a libraría en 2011, recibimos a impresión de que era algo que facía falta. Alén da libraría, temos espazo para facer outro tipo de eventos, por suposto presentacións dos libros e charlas, mais tamén obradoiros, clubs de lectura ou de escrita e demais, sempre co eixo do feminismo de fondo.

Tamén arredor das datas nas que o feminismo é máis reivindicativo como o 8 de marzo ou o 25 de novembro se pode contar coa libraría para facer roldas de prensa ou propostas similares. Esta acollida é algo que estivo desde o comezo, mais co paso do tempo podemos dicir que conseguimos 
estabilizar o proxecto.

Ao principio, foi duro a nivel de sustentabilidade económica e, cando levabamos un ou dous anos, compartimos espazo con Ciranda, unha libraría especializada en portugués que lamentabelmente deixou de existir. Hoxe temos unha clientela fixa, tanto a nivel individual como a nivel de institucións, por exemplo a través das bibliotecas públicas ou dos centros de ensino, que precisan este filtro que nós lles facemos aos libros. Medramos pouco a pouco, mais imos seguindo o proceso normal das librarías.

—Precisamente, no discurso de agradecemento, facía referencia á reciprocidade cos movementos feministas.
Para nós, evidentemente é a fonte de discurso e de prácticas porque o feminismo non está soamente nos contidos dos libros, tamén é unha forma de relacionarse con todo: a comunidade, a sociedade, outras mulleres, as redes de apoio e a sororidade, non entrar en competencia con outras propostas e actuar desde a colaboración... E por outra parte, queremos que as persoas se sintan acollidas neste espazo, que sexa un lugar amábel para todo tipo de persoas. Entendemos que aportamos a nosa parte tanto para o feminismo de rúa, máis reivindicativo e de colectivos, como para as mulleres que traballan con outras mulleres, por exemplo desde os servizos sociais, o mundo académico ou as institucións. 

—Nos últimos anos, o sector literario incluíu máis propostas nesta liña.
Nos comezos, eu lembro de rebuscar nos catálogos porque os clásicos estaban esgotados ou descatalogados e non había tantas apostas por autoras novas. Agora, polo pulo que tivo o feminismo nos últimos anos, algunhas editoras mudaron os equipos de traballo incluíndo persoas máis comprometidas e outras optaron por esta liña por unha cuestión de mercado, por unha maior demanda. Sexa como sexa, nós dámoslle a benvida e pensamos que é algo que ten que vir para quedar.

É un pouco o que ocorre a nivel xeral no feminismo: temos que estar sempre alerta para non perder terreo, porque os dereitos que consegue o movemento son dos primeiros que se perden. No sector literario vivimos un auxe destas obras e autoras, mais neste último ano eu percibín un retroceso. Hai meses que mandan as novidades e non hai unha soa autora. Ou hai algunha, mais todas na literatura infantil.

Comentarios