sábado 25/09/21

‘Entre pastores e lobos’, premio do público no Festival Suncine

O documental é froito de cinco anos de rodaxe no Macizo Central ourensán.

Foto 07 Pastor Manolo Fernández b

Premio do público e premio Cine Sostíbel. O documental ‘Entre pastores e Lobos’ retorna do Festival Internacional de cine do medio ambiente Suncine con 2 galardóns no peto. Após unha rodaxe de cinco anos no Macizo Central o documental estreouse no marco deste festival de Barcelona.

Hai uns días Nós Diario conversaba con  Manuel Pedrosa Sánchez, director deste documental. Predrosa non só nos falou da verdadeira face do pastoreo tradicional e da súa relación co lobo, senón que tamén nos confesou a fascinación que sente polo espectacular patrimonio etnográfico e natural das montañas galegas e polos seus ciclos naturais.

“Ese tipo de traballo cada vez é máis difícil de levar a cabo. Aproveitamos. Os pastores que hai son os últimos que manteñen ese traballo comunitario de subir o gando das aldeas. Antes contrataban un pastor, que era o que levaba ao monte o gando de varios veciños. Segundo a cantidade de reses que tivesen, facían quendas e ían máis días ou menos levarlle comida ao pastor e axudalo. E parece mentira que agora en pleno século XXI esta xente continúe exercendo eses labores. E a pena é esa, que en poucos anos ese vínculo vai desaparecer”.

Producido por IBIS, Natureza e imaxe e dirixido por Manuel Pedrosa Sánchez, o documental Entre pastores e lobos (64’ de duración) achéganos á realidade dos lobos filmados en liberdade no seu medio natural e aos últimos pastores das Serras de Manzaneda e Vilariño, no Macizo Central. 

comentarios