Unha exposición no CGAC relaciona o pensamento e o acto de pasear

O paseo como acto revolucionario

Até maio de 2023, o Centro Galego de Arte Contemporánea exhibe Camiños III, unha exposición con obras que reflexionan sobre o acto de camiñar, sobre as implicacións sociais e políticas que o paseo ten na formación dunha visión do mundo que se reapropie do espazo público e que faga posíbel o pensamento.
Instalación de Juan Lesta en 'Camiños III', no CGAC.
photo_camera Instalación de Juan Lesta en 'Camiños III', no CGAC.

Forma parte do pensamento contemporáneo: a reflexión sobre o acto de camiñar convértese nun fenómeno que non só é metáfora da viaxe vital, tamén é reflexo dun modo de mirar que nos transforma e nos conforma e nun sinal de compromiso coa contorna. Paseantes ilustres buscaron nas camiñadas a comuñón coa natureza (Thoreau), a observación crítica da sociedade (Baudelaire, Benjamin, Debord), ou o estímulo do pensamento (Kant, Nietzsche). 

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) tamén escolleu a rúbrica Camiños para debuxar itinerarios que unan a creación plástica e mais o pensamento, a obra de artistas novos e experimentados, a reflexión sobre a práctica artística e o estado do mundo. 

Até o 21 de maio de 2023 pódese ver no CGAC a terceira entrega dunha serie de exposicións que xunta obras de artistas (Vito Acconci, Janine Antoni, Miguel Ángel Blanco, Mar Caldas, Benvenuto Chavajay, Mona Hatoum, Kubra Khademi, Manolo Laguillo, Juan Lesta, Priscilla Monge, Jürgen Partenheimer, Damián Ucieda e Oriol Vilanova) con intereses distintos pero que atopan nese tránsito da andaina un vector desde o que falar sobre as dinámicas do territorio, sobre o azar dos encontros ou sobre as crises sociais e ecolóxicas que deixan pegada na paisaxe. A exaltación da andaina faise a través de medios moi variados: desde a performance e a fotografía até o debuxo e a instalación, en obras que reconstrúen xeografías percorridas desde a curiosidade que dá a contemplación dun espazo que se ve sorprendido pola mirada do camiñante. 

 

Son obras que apelan ao azar das interaccións sociais -como a performance de Vito Aconcci que invita a seguir unha persoa descoñecida pola cidade até que entre nun espazo privado- ou que enxalzan os percorridos  das mulleres que desenvolven traballos itinerantes -como na serie Facedoras, de Mar Caldas- mais que sempre celebran os cruzamentos fortuítos que enriquecen a existencia e que contribúen a exercer unha certa reapropiación do espazo fronte  ás regulacións que tratan de impoñer unha orde sobre ela. 

 Porque non hai que esquecer -lémbrao a ensaísta Rebecca Solnit no seu Wanderlust- que ao paseo dos pensadores sempre segue a marcha dos activistas que toman a rúa para materializar os proxectos dos primeiros.

 

Comentarios