Unha exposición mostra obra inédita do artista no espazo Sirvent de Vigo

A pintura de Monroy reivindícase aos corenta anos do seu falecemento

Comisariada por Ángel Cerviño, o espazo de arte de Sirvent acolle unha mostra de pinturas de un dos fundadores de Atlántica, na busca dunha lectura contemporánea da súa obra.
Unha vista da exposición de Monroy no espazo Sirvent de Vigo.
photo_camera Unha vista da exposición de Monroy no espazo Sirvent de Vigo.

Era unha das grandes promesas da arte galega do seu tempo, mais un desgraciado accidente acabou coa súa vida e cunha carreira artística que se auguraba brillante. Este ano faise o corenta aniversario do falecemento de Guillermo Monroy. Tiña só 28 anos pero xa fixera parte do grupo fundacional do movemento Atlántica, que habería de transformar radicalmente a arte galega. 

O espazo Sirvent de Vigo (Gran Vía, 129) mostra, até o vindeiro mes de febreiro, unha selección de obras de Monroy, na súa maioría inéditas, como un "exercicio de memoria" e unha chamada de atención sobre unha obra de "extraordinaria calidade". 

Ángel Cerviño, comisario da mostra, declara que "a obra de Monroy non está esquecida, está bastante ben representada en museos e institucións de todo o país, pero falta que deitemos unha mirada máis actual sobre o seu legado. Cada xeración precisa facer a súa propia lectura do pasado e a última antolóxica da súa pintura foi en 2002, na Casa das Artes de Vigo. Este sería o momento de revisar a visión que temos da súa obra para encaixala en marcos conceptuais máis contemporáneos".

No caso de Monroy, esa lectura faise, se cadra, máis necesaria pola copiosa obra que deixou e que semella desmentir a súa temperá desaparición. 
"A entrega de Guillermo á súa arte era total e, sobre todo nos últimos anos, estaba entregado a unha actividade febril, pintaba sobre todo tipo de soportes e deixou centos de páxinas de cadernos nos que debuxaba e experimentaba. Habería que estudar toda esa obra con detención", explica Cerviño. 

"Non sabemos que é o que faría se continuase vivo, pero si que moitas das liñas de traballo que seguía foron continuadas con éxito por outros artistas da súa xeración cos que compartía preocupacións: penso, por exemplo no traballo sobre cartón de Lamazares ou no emprego de signos esquemáticos na pintura de Antón Patiño e de Menchu Lamas. Son case marcas xeracionais", acrecenta. 

 
 

Elemento integrador 

Malia a súa mocidade, Monroy deixou un legado de sorprendente madurez que, en opinión de Cerviño, "debería estudarse separándoo do contexto de Atlántica no que sempre se inserta. Non porque iso sexa malo en si mesmo, senón para abrir a mirada e subliñar os aspectos individuais da súa obra que o poñen en contacto coas correntes artísticas da época. El ten moitos puntos de contacto coa plástica, por exemplo, da Nova Figuración madrileña ou con artistas como [Rafael Rodríguez] Baixeras ou Correa Corredoira, cos que mantiña boa relación". 

 Segundo as testemuñas da época, non era difícil manter esa boa relación con Monroy. A xenerosidade e alegría que sempre exhibía foron elementos de cohesión entre creadores, até o punto de que algunhas persoas chegaron a soster que Atlántica se xestou no seu estudio de Navia. "Tiña un carácter moi integrador e a súa casa sempre constituíu un lugar de reunión. De feito, a súa amizade con outro artista prematuramente desaparecido, Mon Vasco, foi o elo que uniu os núcleos de Vigo e da Coruña, que até aquel momento tiñan moi pouca conexión", sostén o comisario da mostra. 

Búscase institución para estudar e custodiar a obra

Co ánimo de seguir reivindicando unha revisión concienzuda da obra de Monroy, o espazo Sirvent organizará debates con artistas e críticos novos e editará unha publicación que recolla parte desa obra aínda inédita. "Somos un espazo privado e pequeno e tratamos de incentivar, pero son outras institucións as que teñen os medios para levar a cabo ese estudo", di Cerviño. "Aínda que, polo de agora, o interese mostrado é máis ben escaso".

Comentarios