O CGAC expón obras arredor da viaxe como proceso de cambio

Un paseo polos camiños do pensamento

A segunda parte da exposición Camiños do CGAC incide no feito de camiñar, andar e pasear como unha experiencia que estimula o pensamento e que permite reinterpretar a realidade desde parámetros críticos. O paseo transfórmase nun estímulo para a reflexión, unha invitación a refrescar a mirada ante o mundo.
Unha vista da exposición que pode verse no CGAC até o 23 de xaneiro.
photo_camera Unha vista da exposición que pode verse no CGAC até o 23 de xaneiro.

Camiñar é a viaxe máis elemental que podemos levar a cabo. Un paseo pode ser unha Odisea, unha baixada aos infernos como a da Divina Comedia de Dante, unha peregrinación a un lugar sagrado, áinda que ese lugar só sexa a panadaría ou o quiosco de prensa. Quizais por iso, e porque vivimos asfixiados polo sedentarismo, a actividade de camiñar está recuperando un prestixio que parecía ter perdido. 

A sociedade contemporánea volve a apreciar o paseo como terapia, como medio para volver conectar coa natureza, como actividade que propicia o pensamento crítico.

Rousseau ou Nietzsche camiñaban para pensar, Heidegger para "experimentar o ser", Baudelaire para mergullarse na modernidade das cidades sen renunciar á súa crítica. A historia da literatura e da filosofía están ateigadas de grandes camiñantes: do peripatético Aristóteles ao agónico Robert Walser, do épico Walt Whitman ao lendario Kerouak, do extravagante Nerval ao vitriólico Debord. 

Mais tamén a arte reflexiona sobre a camiñada: a exposición que se pode ver no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) até o 23 de xaneiro mostra precisamente que o paseo, o camiñar, son un medio de coñecemento, unha invitación a pensar.

A exposición suxire vías para reconsiderar o hábito de camiñar á luz de argumentos estéticos, políticos, ecolóxicos ou puramente emocionais. 

As múltiples miradas sobre os camiños 

O CGAC está situado a poucos metros da antiga entrada do Camiño de Santiago na cidade de Compostela e, precisamente, construíu unha parte da súa colección arredor do fenómeno xacobeo. Tendendo fíos entre a acción de camiñar como ponte cara ao pensamento e o Camiño de Santiago como experiencia transformadora do individuo, a exposición suxire vías para reconsiderar o hábito de camiñar á luz de argumentos estéticos, políticos, ecolóxicos ou puramente emocionais. 

Así, O final aquí, unha serie de fotografías realizadas por Jorge Barbi, documenta paisaxes de toda a xeografía estatal onde foron fusiladas sen xuízo -ou directamente, asasinadas- persoas de toda condición entre o golpe de Estado de 1936 e o final da contenda civil que seguíu. A mirada última daquelas vítimas sobre esas paisaxes cuestiona a visión puramente estética que podemos ter sobre ela: a historia enchendo de contido o territorio.

De igual maneira, as fotografías da serie Faros, de Andrés Pinal, debuxan un atlas sentimental na que os sinais marítimos se transforman en fitos dos camiños da emigración, do exilio ou, simplemente, da aventura. Un morse que traduce o inesgotábel cruzamento de camiños que constitúe unha cultura. 

Os frottages de Ignacio Pérez Jofre, parten dunha visión poética dos solos urbanos para deixar albiscar como a sociedade se organiza en base á superposición de diferentes estruturas en constante interacción, a un tempo simbióticas e conflitivas. O flâneur de Baudelaire observando as pegadas da multitude. 

A vida é un longo e  camiño 

Ás veces, os itinerarios presaxian un encontro, un proxecto de vida, mais sen a seguridade de como se chegará ao final: Marina Abramovic e Ulay decidiron, en 1983 poñer fin á súa relación persoal e á súa colaboración artística a través dunha performance simbólica: percorreren a Gran Muralla chinesa cada un desde un extremo para se atoparen nalgún punto e alí separárense para sempre. O encontro tivo lugar nunha ponte de pedra logo de camiñar cada un cerca de dous mil quilómetros durante 90 días. Alí abrazáronse brevemente  e separáronse, en principio, para sempre. Camiñar tamén é, dalgún modo, o principio e o fin dunha aventura, unha oportunidade para provocar os encontros que enriquecen a vida.

Itinerarios que suxiren reflexións políticas, ecolóxicas, estéticas ou sentimentais

Comisariada por Santiago Olmo e Alberto Cartón, a exposición Camiños II presenta obras de Marina Abramovic e Ulay, Jorge Barbi, Alberto Carneiro, Fernando Casás, Carma Casulá, Regina José Galindo, Irene Grau, Ignacio Pérez-Jofre, Andrés Pinal, Jaume Pinya, José Luis Seara e Javier Vallhonrat. As obras evocan itinerarios que provocan reflexións políticas, ecolóxicas, estéticas e sentimentais, deixando entrever a viaxe como unha metáfora do noso paso polo mundo e lembrando que toda paisaxe e susceptíbel de ser reinterpretada sempre con ollos renovados.

Comentarios