Creador do Museo Etnográfico de Grandas de Salime

Pasamento do asturiano “Pepe el Ferreiro”, referente da etnografía galega

Semblanza e pesar polo falecemento de Xosé María Naveiras Escanlar, 'Pepe el Ferreiro', pioneiro da recuperación do patrimonio etnográfico das terras das ribeiras do Navia.

 

Pepe el Ferreiro [Imaxe: cedida].
photo_camera Pepe el Ferreiro [Imaxe: cedida].

O pasado sábado, celebrado día do “fratello” San Antonio e despois dunha longa loita coa enfermidade, deixou a súa Grandas de Salime, para tomar o derradeiro camiño do Trasmundo que diría Laxeiro, Pepe el Ferreiro, no bautismo Xosé María Naveiras Escanlar. Unha vida que todo galego debe coñecer, ferreiro de profesión, tiña 78 anos. Amante e militante das causas xustas e do común, de canto significan as orixes e as tradicións, entón deses vencellos culturais e históricos que artillan a que foi Gallaecia Asturicense. Ben o sabía e compartímolo.

Pepe el Ferreiro foi un referente para canto significa a ecomuseoloxía. Un pioneiro da recuperación do patrimonio etnográfico das terras das ribeiras do Navia, da revitalización integral de espazos e artefactos, devolvéndolle a vida máis alá da exposición, para que funcionasen, “museos onde todo funcionase” teimaba el. E iso é a ecomuseoloxía, unha parte da museoloxía aínda por madurar na Galiza. Pepe el Ferreiro era da caste de sabios ferreiros, loitador incansábel, até espallar e conseguir obxectivos de sentido común. Como batendo e batendo coa dureza do ferro deica rematar moldeándoo. Posuidor ademais da maxia ancestral de tradicións que non traizoan e ansiaba compartir como legado común.

Pepe el Ferreiro era da caste de sabios ferreiros, loitador incansábel, até espallar e conseguir obxectivos de sentido común

Teimudo, pois, na recuperación das máis remotas orixes, así como de atoparlle a secuencia ao longo da Historia. Alma mater da posta en valor do Castro dos Chaos de Sanmartín de Grandas de Salime, así como dos vellos camiños que seguen o Navia, rutas mineiras en relación coa explotación do ouro na antigüidade castrexa...

Un referente para a Galiza nas pescudas e na posta en escena do patrimonio etnográfico

O seu saber e boa parte do patrimonio familiar queda como legado para Asturias, para Grandas de Salime e para a Galiza que se busca así mesma en exemplos como o de Pepe el Ferreiro. Así naceu en 1984 o Museo Etnográfico de Grandas de Salime, medrando, recuperando espazos e artefactos, seducindo sen verborrea pedante. Tanto así que ao falar desta vila montesía, gandeira, agraria de Asturias sempre debe vir á cabeza a figura bable, amábel, cuberta baixo a súa boina ancestral, a que nimbaba tanta xenerosidade: Pepe e Grandas, Grandas e Pepe é unha mesma cousa, esencia de Asturias. 

Fomos moitas veces beber ideas a Grandas de Salime, onde sempre Pepe nos esperaba a pé de estrada, todo lle era pouco para agasallar o visitante. Guiábanos e enxergar as súas iniciativas, insistente en recuperar as orixes, sabendo que nelas radica a orixinalidade, o idioma, os saberes, a cultura... Tradicións que como Murguía, Risco, Xocas ou Fraguas... sabía que corren o perigo de esvaerse e perderse entre a aséptica uniformidade global.

insistente en recuperar as orixes, sabendo que nelas radica a orixinalidade, o idioma, os saberes, a cultura... Tradicións que como Murguía, Risco, Xocas ou Fraguas... sabía que corren o perigo de esvaerse

Con Pepe el Ferreiro Grandas de Salime fíxose ademais obrigada parada e Fonda no Camiño de Oviedo, o primitivo a Compostela, vila antolóxica na historia da museoloxía mundial. E referente para todos os galegos “bos e xenerosos”, aqueles que aman as tradicións, os vellos oficios, os que ansían facer das súas orixes o que fixo Pepe el Ferreiro en Grandas. E velaí a obra parella de Olimpio Liste en Oseira, a de Elixio Rivas nos Milagros de Maceda, a de Narciso Luaces en Meixido de Ortigueira, a de Xosé María López Ferro no Museo Etnográfico das Pontes, a de Secundino García Mera no Museo Etnográfico da Capela, a Casa do Patrón de Doade en Lalín idea e obra de Manuel Blanco Vila... O Museo Etnográfico da Fonsagrada, a coleccións do párroco de Seavia, a perdida de Benigno Eirís... todos tiveron como estrela e referente a Pepe el Ferreiro. Mais non todo era así, tamén tivo detractores ese que el dicía “de libro” e burocracias.

Alí onde haxa tradición e corazón galego debe estar a memoria e as soidades de Pepe el Ferreiro de Grandas de Salime. Sabemos que a Terra e o Ceo o acolleran como seu.

 

Comentarios