Pamen Pereira ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes

Pronunciará o seu discurso “Demasiado cerca, demasiado lonxe” no Centro Galego de Arte Contemporánea, ás 12.30 horas deste sábado, e será contestada pola académica e galerista Asunta Rodríguez.
Pamen Pereira. (Foto: RAGBA)
photo_camera Pamen Pereira. (Foto: RAGBA)

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará este sábado unha sesión extraordinaria pública no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago (rúa Valle Inclán, 2), ás 12.30 horas, para a recepción do ingreso como académica numeraria da Sección de Escultura da institución da artista Pamen Pereira (Ferrol, 1963). A artista pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado “Demasiado cerca, demasiado lonxe”, que será contestado en nome da Academia pola académica numeraria da Sección de Expertos nas Artes, a galerista Asunta Rodríguez.

Asistirán ao acto de ingreso na Academia o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, ademais doutros académicos da institución, e autoridades como a concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural, Políticas de Igualdade e Centros Socioculturais de Santiago, Mercedes Rosón; a secretaria en funcións do Colexio de Arquitectos de Galiza, Elvira Carregado; e o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; entre outros. 

O debuxo, a pintura, a escultura, a instalación, en ocasións a fotografía e o vídeo ou calquera outro medio, son válidos para que María del Carmen Pérez Pereira “Pamen Pereira” (Ferrol, 1963) materialice unha idea e concrete o acto creativo, acto que no seu proceso fúndese coa experiencia vital da artista e está fortemente vinculado á natureza, de onde extrae gran parte das súas imaxes. Pamen emprega unha formulación artística que é a elección radical dun modo de vida, é dicir, a vida como principal gabinete de traballo.

A artista

Pamen Pereira estudou Belas Artes na Universitat Politècnica de València, e a mediados dos anos oitenta inicia a súa traxectoria artística. Desde entón, non cesou de viaxar realizando proxectos e expoñendo as súas obras, tanto individualmente como a través de mostras colectivas e temáticas, en galerías de arte, museos e espazos culturais de todo o Estado e de distintas cidades europeas, asiáticas e americanas, residindo longas temporadas en países afastados como Xapón ou Tanzania, ou en lugares extremos como a Antártida e o Sáhara. 

Desde 1986 expón con regularidade en galerías como Trinta (Santiago de Compostela), Rafael Ortiz (Sevilla), Artizar (La Laguna, Tenerife), Set Espai d’Art (Valencia), Artur Ramon Art (Barcelona), Cànem (Castellón), Astarté (Madrid), Altxerri (San Sebastián), Paral·lel 39 (Valencia), Antonio de Barnola (Barcelona) o María Martín (Madrid), entre outras… e en galerías estranxeiras Heuwise (Seite-Wartau, Suíza), Recent (Sapporo, Xapón) ou Barg (Teherán, Irán). Da man dalgunhas destas galerías a súa obra estivo presente en feiras internacionais de arte como ARCO, Art Basel, Art Cologne e Art Chicago. 

Entre as súas exposicións individuais en museos, fundacións e salas institucionais destacan as realizadas no Museum Zu Alerheiligen (Schaffhausen, Suíza, 1996), Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa MACUF (A Coruña, 1998), Centro Galego de Arte Contemporánea –CGAC– (Santiago de Compostela, 2001), La Gallera (Valencia, 2002), Centro Torrente Ballester (Ferrol, 2003), Centro de Arte Caja de Burgos –CAB– (Burgos, 2009), Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León MUSAC (León, 2016), Sala Amós Salvador -Cultural Rioja- (Logroño, 2016) e Fundación Caja Mediterráneo (Alicante, 2020). 

Nos últimos anos, Pamen Pereira centrou o seu traballo nas instalacións e intervencións site specific para espazos tanto públicos como privados, algunhas delas permanentes. De 2012 a 2014, a través da súa colaboración “Carte Blanche” de Hermès, levou a cabo intervencións artísticas nos espazos desta firma en Barcelona, Connecticut, Dubai, Hong- Kong e outras cidades de China e Taiwán, converténdose na primeira artista galega e do Estado en realizar este tipo de intervencións. Destacan, tamén, as realizadas nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galiza (Santiago de Compostela), o Parque de Esculturas de Villoslada de Cameros (La Rioja), a sede DKV de Zaragoza e, de forma recente, no patio modernista da flagship store de Massimo Dutti (antigo Espai Vinçon) e na nova sede da Galería Artur Ramon Art, ambas en Barcelona, así como as desenvoltas no Palau de Casavells de Girona, o Museo de Arte Contemporáneo del Camino MACC (Logroño) ou o Concello de L’Eliana (Valencia).

A súa forte identificación coa cultura oriental, especialmente coa sabedoría da vella filosofía zen, foi unha constante en toda a súa obra, e na súa vida, e ofreceulle unha experiencia para aprender da profunda conexión de todo e aceptar a fraxilidade e impermanencia do existente. 

A raíz das súas viaxes á África Negra, Pamen Pereira atopou esta experiencia encarnada e envorcou o seu interese e mirada nesa volta ás orixes que supón o continente africano, no que segundo a artista “todo é presente continuo, exaltación vital e, á vez, un recordatorio dos complexos, fráxiles, finitos e irrepetibles que somos”. En 2020 funda a JAADA (JUA African Arts for Development Association), entidade sen ánimo de lucro que ten por obxecto colaborar coa JUA Art Foundation for Children da cidade de Bagamoyo, en Tanzania, destinada a promover o desenvolvemento e a integración en temas de xénero e dereitos humanos mediante a educación artística.

Comentarios