César Portela ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes como académico de honra

O arquitecto pronunciou hoxe o seu discurso “A arquitectura: Unha disciplina entre a arte e a técnica” nun acto no Pazo de Baión, en Vilanova de Arousa.

Cesar Portela pronunciando o seu discurso de ingreso na RAGBA.
photo_camera Cesar Portela pronunciando o seu discurso de ingreso na RAGBA.

O arquitecto César Portela Fernández-Jardón pronunciou hoxe o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como académico de honra, titulado “A arquitectura: Unha disciplina entre a arte e a técnica”. O acto, que se celebrou esta mañá no Pazo de Baión, estivo presidido polo presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, e o discurso foi contestado en nome da Academia polo membro numerario da Sección de Arquitectura, Xosé Manuel Casabella López.

Manuel Quintana Martelo confesou que a Academia tiña unha débeda histórica cun dos máis relevantes nomes da arquitectura galega, engrandecendo coa súa presenza a institución e sendo sempre unha voz escoitada e respectada. “Dicir que é un dos referentes da nosa arte arquitectónica, é dar recoñecemento a súa figura e debe ser considerado todo o seu traballo como unha riqueza patrimonial aló onde pon o seu traballo e deixa o seu aceno de identidade” –asegurou–. Coa súa disertación, Quintana explicou que Portela expresou o seu sentir na arquitectura, a súa entrega e o seu amor pola profesión, indicando que “ama a arquitectura, sinte o seu traballo, busca a dimensión máis profunda e integradora e pon todo o seu saber ao servizo da sociedade no seu conxunto”.

César Portela (Pontevedra, 1937) agradeceu á Academia a súa inclusión como académico de honra, admisión que o encheu de emoción, satisfacción e orgullo. Comezou o seu discurso solemne pronunciando unha cita do arquitecto estadounidense Louis Khan: A arquitectura é aquilo que a natureza non pode facer, para continuar profundando nos diferentes camiños percorridos pola ciencia, onde impera a razón, e pola arte, que se achega ao plasmábel dos desexos, ilusións e paixóns. Aínda que concretou que no caso da arquitectura tamén debe satisfacer a necesidade de crear espazos habitábeis que, ademais de ser belos, deben ofrecer seguridade, abrigo e confort.

Respondendo a unha pregunta xenérica pero crucial, “que é a arquitectura?”, o Premio Nacional de Arquitectura no ano 2000 explicou que a arquitectura é a “construción do espazo” e a concepción deste espazo, entendida como primeiro soño creativo do feito arquitectónico, é para Portela imprescindíbel dentro dun proceso creativo moito máis amplo sen o que non é posible a arquitectura. “Os arquitectos non podemos limitarnos sinxelamente a soñar. Temos tamén que construír, que materializar os nosos soños. A arquitectura é, xa que logo, arte e técnica a un tempo, pero arte e técnica ao servizo da sociedade. A función social é, xustamente, o que converte a arquitectura en algo de necesaria utilidade, imprescindíbel, nunca gratuíto”, manifestou.

 

 

Sobre a esencia da arquitectura, o catedrático asegurou que a boa arquitectura é aquela capaz de lograr solidez, confort, riqueza espacial e formal, buscando tamén a maior economía de medios, sinxelamente facer máis e mellor con menos medios, porque en opinión de Portela, os recursos económicos que se manexan deben administrarse con racionalidade, pero sen renunciar á calidade. “A boa arquitectura é aquela que lle ofrece seguridade aos corpos e liberdade aos espíritos”.

Nun punto máis transgresor, César Portela afirmou que a boa arquitectura non ten porque renunciar ao espectáculo, pero debe conseguir iso a base de “calidade espacial, formal e construtiva, sabendo dar resposta a cuestións fundamentais con solucións arquitectónicas brillantes, empregando elementos construtivos axeitados”. Tamén fixo referencia a cuestións ambientais, indicando que a boa arquitectura non destrúe a natureza, senón que a respecta, a sublima e a enriquece.

En definitiva, Portela definiu a boa arquitectura como aquela capaz de conseguir que a  emoción non se impoña ou substitúa á razón, e que a arte non se supedite á ciencia

“Vale máis unha imaxe ca mil palabras”. Con este refrán, César Portela deu paso a unha escolla de fotografías dalgunhas das súas obras máis relevantes –cemiterio de Fisterra, estación de autobuses de Córdoba, o Museo do Mar de Galiza en Vigo, o Paseo de l’Axe de l’Indépendance en Alxer (Alxeria), o Edificio Domus na Coruña, o Museo de Etnografía de Toga-mura no Xapón, Ponte Azuma en Shimminato no Xapón, Museo de Ciencias Naturais de Galicia en Santiago de Compostela, todas elas obras coas que exemplificou toda a súa anterior disertación arquitectónica.

 

Xosé Manuel Casabella: “Para el, a arquitectura é unha paixón, unha toma de partido a favor dos valores da paisaxe e da cidade, tratando sempre dar resposta ao lugar, de ordenar a súa contorna e construír os espazos nos que habitamos”

 

O arquitecto e académico Xosé Manuel Casabella foi o responsábel de ofrecer a réplica a Portela. Volvendo a vista ao pasado, o académico lembrou como coñeceu ao seu amigo Portela en Barcelona, onde compartiron ilusións e utopías e colaboraron en actividades altruístas. “O que mellor caracteriza o seu carácter é a súa constancia, a súa firmeza, a súa rebeldía, ousadía e o seu empeño en ir sempre por libre” –asegurou–. Ademais, Casabella seguiu enumerando adxectivos que, segundo o seu parecer, describen a personalidade de Portela, desde ser unha persoa próxima e solidaria coa xente e a natureza, ata o seu talento, lucidez, tenacidade e capacidade de sacrificio, así como por suposto admiración polo conxunto da súa obra. 

Neste aspecto profesional, Casabella destacou que a arquitectura de Portela percíbese e cáptase o interese e preocupación pola configuración do espazo, valor supremo da arquitectura en cuxa elaboración Casabella asegura que Portela especula, medita, reflexiona, compara e confronta coa historia, co presente, coa vangarda e co futuro. “Para el, a arquitectura é unha paixón, unha toma de partido a favor dos valores da paisaxe e da cidade, tratando sempre dar resposta ao lugar, de ordenar a súa contorna e construír os espazos nos que habitamos, principais labores dos arquitectos”, afirmou.

Tamén Casabella fixo referencia á radicalidade conceptual da obra de Portela, onde o arquitecto pontevedrés foxe da autoestima do autor e céntrase na propia funcionalidade e beleza da obra.

O acto tamén contou coa asistencia doutros académicos da institución e autoridades, como a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Carmen Larriba; o director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Alexandra Fernández, parlamentaria do BNG, membro da Comisión 2ª do Parlamento de Galicia; o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; a decana do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Elena Ampudia; a secretaria do COAG, Elvira Carregado; o presidente da Delegación de Pontevedra do COAG, Anselmo Villanueva; o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; e o académico da Real Academia Galega de Ciencias, Pedro Merino.

Comentarios