Pablo Prado, ilustrador: "A próxima obra trata duns rapaces que proxectan filmes prohibidos nun cinema clandestino"

O ilustrador Pablo Prado sempre tivo claro que o seu era contar historias a través da imaxe. Nas librarías pódense atopar varias novelas gráficas coas súas bandas deseñadas: O derradeiro libro de Emma Olsen, con guión adaptado da novela de Berta Dávila; Os berros da motocicleta, con guión de Kiko Da Silva; O último festi, con Fernando Llor ou Nerea e o príncipe da sorte, con Miguel Rojo. En ilustración ten Versos de amor, con Manel Monteagudo. Actualmente reside en Madrid, aínda que esta entrevista levouse a cabo entre maletas e présas para voltar uns días á Ponteareas que o viu medrar.    
 
Coa paixón na banda deseñada, Pablo Prado está a ultimar novos proxectos da man de grandes das letras.
photo_camera Coa paixón na banda deseñada, Pablo Prado está a ultimar novos proxectos da man de grandes das letras.

En que proxectos está a traballar na actualidade?
Estou de novo a traballar con Fernando Llor, guionista vigués e un dos grandes da banda deseñada. Trátase dunha historia ambientada nos 60, entre Madrid e a Galiza, protagonizada por un grupo de rapaces que teñen un cinema clandestino onde proxectan filmes prohibidos pola ditadura. Algo pasa e teñen que escapar... e chegan á Galiza, onde a historia continúa.

Como é ilustrar para grandes como Berta Dávila ou Kiko Da Silva?
É un luxo. A min imponme moito a escritura, non me sinto tan cómodo escribindo como si me sinto coa ilustración ou co debuxo. Por iso, como lector e fan dos seus traballos, é incríbel poder traballar con autoras consagradas como Berta Dávila ou autores como Kiko Da Silva.

Mais tamén te adentraches no mundo do videoclip.  
Foi moi bonito traballar no videoclip Semillas para Tremenda Jauria, e sobre todo crealo coas compañeiras de Illa Bufarda e con Cristian F. Caruncho. Ademais de compartirmos proxectos, partillamos amizade. Foi un pracer ver como esa amizade redundou nun traballo moi significativo para todas nós como foi este videoclip. 

Dereitos e liberdades sempre están na túa obra. Nunha das túas últimas viñetas denunciabas a LGTBIfobia. 
Colaboro desde hai anos realizando viñetas con medios locais e comarcais, que tamén se editan no norte de Portugal, e tento reflectir nelas cuestións que van acontecendo pola nosa zona, a maioría das veces con crítica social e política.

Hai pouco que se formou en Ponteareas unha asociación en defensa dos dereitos das persoas LGTBI+ e realizaron un mural coa bandeira do Orgullo. Aos poucos días o mural foi vandalizado, precisamente dous días antes de que Vox puxera por primeira vez un posto informativo na nosa vila. 

Desfixeron o mural pintándolle por riba a bandeira de España e escribindo consignas anti vacinas. Iso si,. ás poucas horas a veciñanza restaurouno. Deume moita rabia ese ataque e quixen denunciar e amosar solidariedade cunha viñeta criticando a LGTBIfobia. 

Como valora a situación da ilustración galega? Somos unha potencia?  
Hai moitísimo talento e cada vez vai a máis. Aparecen moitos proxectos moi ilusionantes como o Garaxe Hermético de Kiko Da Silva, que está facendo historia da literatura galega, pois en moi pouco tempo conseguiu que xente moza logre publicar en editoriais de gran relevancia. Comeza a espertar ademais un crecente interese que antes non existía tanto pola banda deseñada como pola ilustración. 
Estanse abrindo portas para a ilustración galega que durante moitos anos estiveron fechadas, e iso é moi esperanzador. 

Por outra banda, está a situación de precariedade absoluta e xeneralizada en todo tipo de traballo cultural, especialmente na ilustración e na banda deseñada. Fai falla bastante apoio institucional á creación cultural en galego á promoción do que aquí se fai para que a xente se anime a seguir consumindo cultura en galego e desfrutando do potencial que ten a nosa terra, que é moi rico. Para comprobar que somos unha potencia só chega con reparar en nomes moi importantes a nivel internacional como Emma Ríos, David Rubín, Miguel Anxo Prado, Xulia Vicente, Miriam Iglesias, Zaida Novoa, Aldara Álvarez, Cristian F. Caruncho, Fonso Barreiro... 

Comentarios