Pablo Carpintero achega a Lugo a maior mostra sobre a gaita de fol da península

Arredor de 300 instrumentos relatan a historia da música tradicional.
O músico e investigador Pablo Carpintero coordina a mostra (Foto: Pablo Carpintero).
photo_camera O músico e investigador Pablo Carpintero coordina a mostra. (Foto: Pablo Carpintero)

O Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) de Lugo acollerá durante estas datas de Nadal unha exposición de gaitas de fol da península e outros instrumentos musicais. A mostra está coordinada polo músico, artesán e investigador galego Pablo Carpintero en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A exposición, que abre hoxe as súas portas, poderá visitarse até o 4 de xaneiro no Centrad e acollerá tipoloxías de gaitas de fol de toda a península Ibérica: asturianas, galego-asturianas, leonesas, chairegas, da Galiza central, gaitas de ronquillo e gaitas de catro voces, gaitas do Baixo Miño, minhotas, coimbrãs, estremeñas, seabresas, alistanas e trasmontanas. Tamén das Illes Balears e de Aragón. 

Cada gaita levará un gran panel explicativo das súas características e réplicas ou orixinais dos tambores e bombos que as acompañaban, así como das súas palletas orixinais. Haberá expositores dedicados a cada unha das idades das gaitas: Idade Antiga, Idade Media e Barroco.

Nesta parte poderanse ver réplicas de instrumentos moi primitivos como os aulós do Louvre ou as pipas de Ur, e outros intimamente relacionados con eles. Dedícase unha parte da exposición ao desenvolvemento da gaita galega moderna, onde se explica como nos anos 60 Basilio Carril e Olimpio Carril deron co modelo de gaita e palleta que as gaiteiras e os gaiteiros usan a día de hoxe. 

A mostra tamén permitirá ollar as ferramentas coas que se fabricaban antigamente as gaitas de fol e tamén todos os instrumentos que as crianzas empregaban para percorrer o camiño cara á gaita dos adultos. 

Música en feminino

Unha parte da exposición está reservada aos instrumentos femininos, pois as mulleres foron soporte "fundamental da nosa música máis cotián", sinalan desde a coordinación da mostra. Poderanse observar réplicas de máis de vinte pandeiras, pandeiretas e adufes tradicionais. 

Tamén expositores dedicados ao conxunto de frauta e tambor, tan presente aínda na música tradicional actual, e "moitas máis cousas" que a organización da mostra non quere desvelar. En total o Centrad albergará uns 300 instrumentos musicais, entre eles máis de 50 gaitas antigas ou réplicas delas. 

A exposición, a maior mostra temática que se ten organizado na península Ibérica, estará acompañada de dous concertos do coordinador, Pablo Carpintero, na Capela de Santa María nas xornada de apertura e tamén na de peche.

Comentarios