Pablo Carpintero: "Na Galiza e Portugal hai gaitas que se empregan desde a Idade Media, algo único no mundo"

Pablo Carpintero, doutor en Ciencias, é un dos musicólogos máis recoñecidos da Galiza e vén de datar no século XV o punteiro de gaita máis antigo que se coñece: o de Xan Tilve, o gaiteiro de Campañó en Pontevedra. Nós Diario conversou con Carpintero momentos antes de presentar nesta cuarta feira o seu estudo no Museo do Pobo Galego.    
O músico e investigador Pablo Carpintero, esta cuarta feira no Museo do Pobo Galego. (Foto: Arxina)
photo_camera O músico e investigador Pablo Carpintero, esta cuarta feira no Museo do Pobo Galego. (Foto: Arxina)

Que representa este descubrimento?

É moi importante para a historia da música, non só para a Galiza. Foi o primeiro instrumento medieval usado desde a Idade Media descuberto. Este punteiro informa de como eran as escalas musicais nesa época, algo descoñecido até o de agora e que conservamos fosilizadas neses punteiros.

De que maneira tivo lugar?

Ocorréuseme que o desgaste dos dedos no punteiro debía ser proporcional ao tempo de uso. Con esta idea desenvolvín un método matemático para poder conducir a unha datación e deu resultados moi sorprendentes. Descubrimos que había gaitas no sur da Galiza e en Portugal con máis de 400 e 500 anos de uso.

Como o modelo daba estes datos decidimos coller algún deses punteiros que sinalaban como máis antigos e datalos co método do Carbono 14 para comprobar se o modelo funcionaba ou era só algo teórico. Datamos algúns punteiros e resultou que o modelo funcionaba moi ben e os datos eran correctos. Aquí, na Galiza, e en Portugal, hai gaitas que levan en uso continuado desde a Idade Media, unha cousa única no mundo.

Como se chega a conservar un punteiro de gaita tanto tempo?

Pablo Carpintero. (Foto Arxina)
Pablo Carpintero. (Foto Arxina)

É moi sinxelo. A razón é que o sistema musical que usou o pobo desde a Idade Media até o século XIX non cambiou. Por este motivo estas gaitas seguían sendo instrumentos cos que se podía tocar e as gaitas que eran boas pasaban de man en man, de gaiteiro en gaiteiro. É sorprendente pola duración mais o proceso de conservación non sorprende. Un martelo nunca perde a súa función. Mentres dure... pode estar séculos martelando. O mesmo acontece con estes punteiros. Na transmisión importa que o punteiro non sufra ningún accidente polo camiño. Tamén axudou que non se destruíran no século XIX ao quedar moitas gaitas inadaptadas ao sistema musical polo que acabaron no lume, desprestixiadas. Salváronse as que estaban en familias que lle tiñan aprecio por ser a do avó ou a do bisavó, nada máis.   

Consérvanse moitas máis gaitas antigas?  

Si. Por exemplo hai outra en Mogor (Marín) que é do século XVII e outras dúas en Portugal que son dos séculos XVI e XVII. Tamén en Portugal hai dúas máis que non nos deixaron datar polo Carbono 14 e que o noso modelo di que son tan antigas como a de Xan de Campañó. E hai máis. En todo caso non nos preocupa ao estar probado o noso modelo e as probas de Carbono 14 ser moi caras.

Existe algún rexistro oficial destas gaitas?  

Eu teño un rexistro de onde están e quen son os donos. Onde mellor están as gaitas é nas familias que as valoran. Ademais elas mesmas deixan que as toquemos. Son xente moi comprometida e gústalle que as gaitas sigan en uso. Se acabasen nun museo iso non sería posíbel. Outra cousa é que as Administracións se impliquen neste tema. Non creo que o fagan.

As Administracións deberían apoiar este tipo de investigacións desde hai moitos anos. Noutros países a xente que investiga sobre instrumentos musicais, desde as universidades ou a nivel particular, están apoiadas polo Goberno. Aquí non. Nin se apoia as universidades nin aos particulares que as desenvolvemos.

Neste país non se apoia ningún tipo de investigación, sexa tamén de física, química ou bioloxía. Este país é un desastre para isto.

E falamos dun instrumento que se considera un símbolo na Galiza.  

É un instrumento referente para o país mais desde a Xunta da Galiza o modelo de gaita que se apoiou economicamente foi o de Foxo, cun instrumento inspirado na súa morfoloxía en modelos escoceses, con bandas de gaitas e tambores de Escocia. Pola contra, non apoiaron o modelo do noso país.

Comentarios