Banda Deseñada

Manolito, o amigo galego de Mafalda que votaba ao BNG

As orixes galegas de Manoliño Goreiro e outras conexións de Mafalda co país
Manolito Goreiro
photo_camera Manolito Goreiro

Ás veces a vida tende pontes curiosas, que nunca é mal momento para lembrar. Hai uns meses Nós Diario facía eco daquel simpático cameo de Ricardo Carvalho Calero na tradución ao galego de Mafalda, en substitución do escritor José María Pemán como autoridade académica.

Estes días, logo do falecemento de Quino, Ramón Reimunde, tradutor xunto a Xoán Ramón Díaz, menciona xustamente unha tira debaixo desta na que alguén morría e Mafalda contestaba á frase de ir para o ceo: "Como se fixo o lanzamento?". Unha mostra dese humor tan particular, que "deixou unha mensaxe importante nunha época ben difícil", valora o tamén profesor.

Mais non é a tradución a única conexión dos cadriños coa Galiza, senón que é ben recoñecida a orixe dunha das acompañantes da protagonista nas súas peripecias. Trátase de Manolito Goreiro, ou Manoliño en tradución, cuxo apelido xa dá boa pista da súa ascendencia.

É ben sabido que o debuxante sacou parte das súas personaxes da vida real, entre elas a de Manoliño, fillo dun emigrante galego que rexe o almacén Don Manolo na Arxentina. Sempre tendeu a considerarse que estaba baseada en Anastasio Delgado, inmigrante español do barrio no que medrou Quino, dono dunha panadaría e pai dun dos mellores amigos do debuxante.

Mais aló polo 2007, a prensa galega atopaba outra fonte de inspiración para a personaxe: Manolo Fernández. Tamén fillo de emigrantes galegos en Bos Aires, facíase na altura cargo do almacén Don Manolo no barrio de San Telmo, no que a pesar das reconversións sobreviviría o espírito daquel estabelecemento ao que Mafalda ía mercar fideos para a sopa que tanto odiaba. Segundo declaraba Fernández, Quino vivía moi preto e era cliente.

O estereotipo galego

Tamén recoñecía que non pensaba que o debuxante se tivese inspirado só nel, senón que tería collido trazos como exemplo da típica familia galega da emigración. Non libre de tópicos e estereotipos, a súa personalidade debuxábase como bruta e un pouco parva. Isto, na propia tradución, admite Reimunde, resultaba difícil de tratar.

"Intentabamos disimulalo un pouco", conta. Neste senso, recoñece a dificultade de facer un traslado fiel e recoñece o labor do seu compañeiro, cunha "retranca" que conseguía "captar moi ben" o particular humorismo de Quino.

O Manolo Fernández real estudara dous anos de Economía, pero desde unha perspectiva que colle distancia da dese neno que idolatraba ao multimillonario  Rockefeller, non soñaba con montar unha cadea de supermercados, senón que vivía feliz coa súa modesta tenda. Recoñecíase ademais abertamente como votante do BNG nas eleccións galegas.

Norma de mínimos

Reimunde, como correu estes días pola rede, dedicaba ao seu fillo Pedriño un dos volumes e a "todos os galegoportugueses nenos", co gallo de non seren máis "nen Manoliños nen Susaniñas. Para que lean, xoguen, soñen... e fagan en galego o futuro da nazón".

Tal era a militancia desta misión de "dotar de material o ensino", e tamén os quioscos, cubrindo un oco, que empregaba de maneira consciente a norma de mínimos de 1980, aínda que xa se aprobara unha nova regra, e confesa Reimunde que lle gustaría ter usado a de máximos

Catro volumes traducidos en 1984

A tradución de Mafalda ao galego foi posíbel grazas á editorial Souto, asociada á libraría homónima situada na praza maior de Lugo. "Cubriamos o bocadillo e escribiamos por riba", relata Reimunde.

Algúns cadriños facíanos voando, mais outros levaban tardes de discusión. Co seu esforzo, moitas persoas puideron ler as reflexións desta nena sabichona na nosa lingua, en catro volumes que deixaban ese sorriso, froito do efecto "lixeiramente humorístico" que dominaba Quino á perfección.

Comentarios