O concurso intégrase no portal primaveradasletras.gal

Oitenta colexios contan o seu Día das Letras dedicado a Carvalho

A Real Academia Galega (RAG) reuniu no portal dixital Primavera das Letras os 80 traballos achegados desde centros educativos de toda Galiza para participar no concurso Contádenos o voso Día das Letras, dedicado a Carvalho Calero, e que se vai resolver durante o vindeiro mes de xaneiro. 
primavera-das-letras-RCC-telescopio-cadrada
photo_camera Imaxe do concurso de 2020. (Foto: Nós Diario)

Videoclips, festivais virtuais, programas de radio, xogos de investigación, recitado de poemas e debuxos para ilustrar a obra do autor homenaxeado neste 2020 son algunhas das propostas que se poden ver na web, creada pola RAG para achegar á infancia a figura de Ricardo Carvalho Calero.

Unha vez que se resolva o concurso a Academia repartirá lotes de libros entre os centros gañadores, mais “todos os colexios participantes recibirán un diploma que acredite a súa achega á celebración das Letras Galegas do escritor, filólogo e profesor ferrolán”, comunican desde a RAG.

A última edición de Contádenos o voso Día das Letras estendeuse, por mor da Covid-19 e abrangueu o curso 2019-2020 e mais o primeiro trimestre do actual.

Os traballos presentados recollen, deste modo, tanto propostas desenvolvidas durante o confinamento e centradas en experiencias virtuais, como outros traballos presenciais, pero sempre "cunha clara compoñente lúdica como chave para achegar o público de 3 a 11 anos á vida e mais á obra do autor.

O xogo como ferramenta didáctica "tamén está moi presente nos contidos de primaveradasletras.gal", din desde a RAG, posto que se ofrecen desde 2016 actividades interactivas e fichas descargábeis arredor da figura que cada ano protagoniza o Día das Letras Galegas.

Ademais, os mencionados recursos permiten traballar competencias e contidos de distintos eidos, desde o medio natural e a historia até a expresión plástica.

Comentarios