Sete obras de González del Blanco pasan a ser Patrimonio Cultural

O pintor compostelán foi unha figura importante no costumismo das décaads centrais do século XX.
'Alegrías' de Roberto González del Blanco. Afundación
photo_camera 'Alegrías' de Roberto González del Blanco. Afundación

A Xunta de Galiza publicou onte no DOG a incoación do procedemento de inclusión de sete obras do pintor Roberto González del Blanco -unha figura importante na pintura costumista nas décadas centrais do século XX- no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galiza. Outro cadro do pintor, o titulado Místico, xa se atopa incluído neste Catálogo. 

Segundo o informe técnico de valoración cultural, as obras Autorretrato, Retrato da súa nai, Vodas de Prata, Muiñeira, A nena das mazás, Encambando xoubas e Crisantemos brancos posúen un valor cultural que xustifica a súa inclusión no Catálogo. 

González del Blanco, leonés de nacemento, residiu en Santiago de Compostela desde os dous anos de idade ao quedar orfo de pai. En 1905 trasládouse a Madrid para estudar Ciencias Exactas, estudos que abandonou tras un ano para iniciar Medicina en Santiago, carreira que continuou en Madrid, compaxinándoa coa súa verdadeira vocación, con clases nocturnas no Círculo de Belas Artes e coa formación no obradoiro de Ricardo Baroja. 

 En 1912, cando acababa de licenciarse en Medicina en Santiago, embarcouse nunha viaxe por Palestina e Exipto. Posteriormente visitará e, en ocasións, residirá, en lugares como Italia, Grecia, Turquía, Tánxer, Cuba ou Nova York. 

Ao longo da súa vida tivoun labor moi destacado como docente, pois impartiu clases de Debuxo ou Anatomía Pictórica na Escola de Artes e Oficios de Cádiz, na Escola de Artes e Oficios, no Instituto Xelmírez e na Escola de Traballo de Santiago, e na Escola Superior de San Fernando en Madrid. En Santiago montou Jacobea, un obradoiro de artesanía con Enrique Meyer, onde se realizaban traballos artesanais de vidreiras, mobles e prataría. 

Como pintor deuse a coñecer en 1909, na Exposición Rexional Galega que tivo lugar en Santiago, na que obtivo a medalla de ouro e á que seguirían numerosas exposicións en cidades galegas, Madrid, Venecia, París, Bos Aires, A Habana e Montevideo. Casou con Rosario Pereira y Miranda en 1929 e o inesperado falecemento do seu fillo en 1958 causou un impacto devastador no artista até o seu falecemento.

Foi nomeado académico da Real Academia de Belas Artes da Coruña (1954). En 2015 o Museo do Pobo Galego dedicoulle unha retrospectiva co título O universo de Roberto González del Blanco, que recollía as súas obras máis importantes. 

Comentarios