venres 24/09/21

Aumenta o patrimonio galego á intemperie

A Lista vermella do patrimonio realizada por Hispania Nostra suma ao seu catálogo novos bens galegos en "risco" por presentar un "estado de abandono", algúns deles declarados Ben de Interese Cultural (BIC).
Fábrica de Conservas e Factoría Baleeira de Massó, en Cangas de Morrazo (Foto: Concello de Cangas / Xaime Cortizo).
Fábrica de Conservas e Factoría Baleeira de Massó, en Cangas de Morrazo (Foto: Concello de Cangas / Xaime Cortizo).

“Galicia, será a miña xeración quen te salve? / Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas?”, escribía o poeta Uxío Novoneyra. No entanto, a día de hoxe, semella máis factíbel ir do Courel a Compostela por terras abandonadas. E é que a Lista vermella do patrimonio continúa, ano tras ano, a engordar. Este verán sumaba ao seu catálogo de elementos patrimoniais en perigo as torres medievais de Torán e do Olivar, situadas en Taboadela e Toén respectivamente; a Casa renacentista da Vacariza, en Berdeogas, Dumbría, do século XVI; e o Castelo de Mesía (A Pobra), construído entre os séculos XIII e XIV. Os catro bens acaban de ser catalogados en “risco” de desaparición, ao igual que os máis de 60 elementos de grande interese patrimonial que se atopan esparexidos por todo o territorio galego, abandonados á súa sorte e nun estado de conservación precario. "Non, a forza do noso amor non pode ser inútil!", concluía o poeta.

O informe, que parte dun proxecto da Asociación Hispania Nostra, recolle aqueles elementos do Patrimonio Cultural do Estado español “que se atopen sometidos a risco de desaparición, destrución ou alteración esencial dos seus valores, ao obxecto de os dar a coñecer e lograr a súa consolidación ou restauración”. Mais alén do catálogo de Hispania Nostra, contamos coa Lista vermella de Patrimonio Galego, que presenta un estudo minucioso con preto de 15.000 bens culturais catalogados por todo o país, situando moitos deles “en perigo inminente”, “xa sexa de destrución, alteración ou desaparición”, explican en Patrimonio Galego.

En ambas as dúas listaxes atopamos desde mosteiros, pazos, igrexas... até pontes, espazos naturais ou factorías contemporáneas, mais todos cun alto valor patrimonial e, moitos deles, "protexidos" por lei.

Do desleixo ao abandono 

É significativo o caso da Torre de Caldaloba. Situada en Cospeito, coa orixe na baixa Idade Media, foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994, mais atópase rexistrada neste catálogo por "risco de derrubamento". Saltou á palestra pública recentemente grazas ás asociacións culturais da Terra Chá, que demandan da Xunta actuacións urxentes para evitar a súa ruína total así como para a posta en valor deste monumento pola relevancia histórica que ten. 

Tamén é relevante o número de pazos nestas listas vermellas. O territorio galego destaca pola gran cantidade de pazos e casas señoriais que presenta, construídos moitos deles entre os séculos XVI e XVII. Non obstante, o seu estado, como o Pazo de Baldomir, de Bergondo; Pazo de Goiáns (Boiro); Pazo e torre de Guimarei, do XII, na Estrada; o Pazo de Bergazos ou dos Gil de Taboada (Lalín); ou o Pazo do Casal, en Brión, é precario.

Así, como perseguidos pola estética urbex, vinculada á "beleza" do abandono, onde a natureza reconquista o espazo que lle corresponde, o patrimonio industrial, como a Fábrica de conservas e factoría baleeira Massó, en Cangas do Morrazo, tamén se atopa "nun estado de conservación realmente malo, de total abandono", indican na lista de Hispania Nostra. O mesmo acontece coa Panificadora de Vigo ou co Sanatorio de Cesuras, así como coas telleiras de Roeiro, Padín (Valga) ou Rañas (de Catoira), "en perigo de destrución". 

Para alén do máis, estes inmóbeis únense a outros elementos ou conxuntos de interese medioambiental ou paisaxístico, como a Estrada LU-231 de Friol a Palas (Reserva da Biosfera), unha "das últimas que hai con árbores de especies autóctonas"; o Parque do Pasatempo, de Betanzos, a pesar de ser BIC e de estar definido pola Xunta da Galiza como "un dos máximos expoñentes do eclecticismo" no país, ou o propio Barrio de Ferrol Vello, sumido na decadencia perante o abandono do seu conxunto patrimonial.

A Lista vermella do patrimonio inclúe "bens de interese cultural"

A pesar de "gozaren" do status de Ben de Interese Cultural, de estaren incluídos no Plan Nacional de Patrimonio Industrial ou de seren Reserva da Biosfera, moitos dos elementos incluídos nas listas vermellas do patrimonio presentan un estado de abandono e deterioro progresivo. Sen plans específicos de actuación para evitar a súa pérdida, espazos emblemáticos como o Parque do Pasatempo, a Torre da Caldaloba, a Fábrica de conservas e factoría baleeira Massó ou a Estrada LU-231 de Friol a Palas poderían desaparecer.

Torre de Torán: Declarado monumento Histórico Artístico e Ben de Interese Cultural, presenta unha situación de "deterioro".

Torre do Olivar: Trátase dunha fortificación que non dispón dunha protección específica. Está "en estado de abandono".

Casa da Vacariza: A Casa, en ruínas, é un Ben Catalogado e os tres escudos da fachada están declarados como Bens de Interese Cultural.

Castelo de Mesía: Declarado Ben de Interese Cultural. Atópase no Camiño Inglés e figura nun estado "de ruína progresiva".

comentarios