"A Santa" de Asorei xa pode verse no museo Zorrilla de Montevideo

A decisión de deixala alá debeuse, segundo o Director Xeral de Cultura, a que "forma parte do patrimonio dos galegos que están en Uruguai".

'A Santa' de Francisco Asorey, na exposición 'Galicia, un relato no mundo', no Gaiás, en 2020. (Foto: Manuel G. Vicnte / Cidade da Cultura)
photo_camera 'A Santa' de Francisco Asorey, na exposición 'Galicia, un relato no mundo', no Gaiás, en 2020. (Foto: Manuel G. Vicnte / Cidade da Cultura)

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou xunto co conselleiro de Educación e Cultura do Uruguai, Pablo da Silva, o Museo Zorrilla, onde dende hoxe se pode ver a escultura A Santa de Asorei, que pertenceu á Casa de Galiza en Montevideo e que foi adquirida pola Xunta este ano. 

A Xunta e o Goberno uruguaio chegaron a un acordo polo que o departamento autonómico adquiriu boa parte dos bens relacionados coa Galiza do exilio, entre os que se inclúe A santa. Tamén se inclúen fondos documentais e bibliográficos, ademais de diversos obxectos. Ese patrimonio documental, como, por exemplo, libros de actas, xa viaxou a Galiza e permanece custodiado no arquivo localizado na Cidade da Cultura, onde se está sometendo a un proceso de dixitalización. 

A obra de Asorei pertenceu á Casa de Galiza de Montevideo entre 1951 e 2021. Foi testemuña do valioso e extenso patrimonio cultural galego do século XX conservado nos centros e sociedades galegas de América e representa a unha labrega galega de corpo espido marcado polo traballo duro, portando tamén un xugo de vaca, que realza a mensaxe de traballo.

A Casa da Galiza en Montevideo, que foi creada por emigrantes galegos en 1917, fora intervida a finais de outubro de 2021 polo Goberno uruguaio polas débedas e os anos de perdas acumulados, até que finalmente fechou en marzo do pasado 2022. 

A decisión de deixala no Uruguai debeuse a que "forma parte do patrimonio dos galegos que están en Uruguai", polo que "o máis razoable" é que quede nese contexto de inmigración, segundo explicou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o pasado xuño. 

Tras a súa fundación, a antiga Casa de Galiza converteuse nun lugar emblemático, xa que foi onde se creou o Consello de Galicia, é dicir, o goberno galego no exilio. Ao longo de máis dun século de funcionamento, esta institución converteuse nun dos centros hospitalarios máis importantes do país e cun gran patrimonio social e cultural. 

Durante a crise que afectou á entidade uruguai a Xunta de Galiza permaneceu practicamente ausente do conflito. Ao día seguinte da intervención do Goberno uruguaio, Alberto Núñez Feixoo declarou que “confiaba” en que a intervención fose temporal. Esta falta de resposta foi moi criticada desde a comunidade galega en Uruguai e desde a oposición política na Galiza. Finalmente, o Goberno galego, apremado pola presión, decidiu adquirir parte dos bens da entidade. 

Comentarios